• Desde o Auditorio Municipal de Mondariz Balneario emitiuse este venres 8 de maio o cuarto evento desta iniciativa, que contou co protagonismo do alumnado e docentes do CEIP Mondariz-Balneario.
• O artista Tino Baz e a agrupación Agarimos da Terra foron tamén protagonistas da xornada, con varias actuacións en directo e a presenza nos micrófonos para o desafío das preguntas da rapazada.
• O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte… nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
• Logo das visitas a Cea, Muros, Ribeira de Piquín e desta xornada en Mondariz Balneario, as próximas paradas do RadioVisual serán Castro de Rei e Quiroga.
“Hai lugares nos que a auga non só atravesa a terra, senón tamén a memoria. Onde todo parece nacer arredor dunha fonte, dun manancial, dun rumor constante que leva séculos acompañando a vida da xente. E hoxe, chegamos a un deles: a Mondariz Balneario. Aquí a auga converteuse en entorno: trouxo visitantes, músicas, historias e conversas chegadas de moi lonxe. E deixou algo máis difícil de explicar: unha maneira especial de vivir o tempo, máis calma, máis pousada, case coma se todo seguise o ritmo do propio río.”. Así comezaba, na voz do xornalista Xosé Manuel Diego, o Radiovisual do Patrimonio deste venres 8 de maio en Mondariz Balneario.
Desde un dos lugares máis singulares de Galicia, un pequeno concello, o máis pequeno en extensión de Galicia, pero cunha historia enorme ligada á auga termal e ao descanso, un lugar onde natureza, saúde e patrimonio van da man, enfiou este venres a emisión de PNO! e Casa de Tolos. O evento comezou coa actuación de Agarimos da Terra, agrupación que celebra o décimo aniversario da recuperación dun proxecto cuxo nacemento ten a raíz na altura de 1916 ao abeiro do impulso das Irmandades da Fala.
Diante dos micrófonos tivemos a continuación a nenas e nenos do centro educativo local. Iria Penabella, Ariadna Otero e Ariel Andrés contáronnos como a escola traballou e debullou no patrimonio local nas semanas anteriores para arranxar este programa especial e trouxéronnos unha fermosa narración da historia do municipio e a súa vinculación coa auga a través dunha peneira de imaxes do patrimonio. O alcalde, César Gil, someteuse a continuación ao desafío das preguntas do alumnado. As cativas Micaela Covelo e Alexia Gómez primeiro, e Zoe Couto, Aida Martínez e Morgan Turienzo despois, puxeron a proba o rexedor con diversas curiosidades e mesmo un cuestionario sobre a historia local.
O saber patrimonial dun auténtico tesouro vivo chegou entón da man de José Domingo Abril Toucedo, carpinteiro local que nos agasallou co relato da súa historia traballando a madeira, tinguido de anécdotas e sabedoría.
Logo dunha pequena conversa cun dos talentos da escola local, a ximnasta Maia Estrada Sanlés, subiu ao escenario a percusionista e investigadora Raquel Faro Álvarez, que nesta ocasión asistiu ao evento para poder gozarmos do seu coñecemento sobre a vestimenta tradicional galega, que definiu como un piar básico da nosa historia e tradición e para a que reclamou un maior esforzo en poñela en valor.
E alén dos contidos arranxados pola rapazada, foi tamén protagonista o artista Tino Baz. O cantor guardés, quen foi tamén gaiteiro e membro do grupo A Roda antes de triunfar como cantautor en solitario, ten tamén longa experiencia no eido da docencia musical, e ademais de actuar, someteuse este venres á curiosidade das preguntas dos nenos e nenas.
GRAVACIÓN DO EVENTO
GALERÍA DE IMAXES



