Ponte... nas Ondas!

Ponte…nas ondas!, referente internacional en Finlandia no traballo coa infancia e o patrimonio vivo

A experiencia galego-portuguesa, inscrita pola UNESCO no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda, será presentada nun seminario web internacional organizado con motivo do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial.

A Axencia Finlandesa do Patrimonio, en colaboración coa Asociación Finlandesa de Centros Culturais Infantís, o Foro Cidadán e a Asociación para a Educación do Patrimonio Cultural en Finlandia, convidou a Ponte…nas ondas! a participar nun seminario web internacional con motivo do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebrará o vindeiro 17 de outubro.

O encontro, que reunirá experiencias de Finlandia, Suecia, Lituania, Bélxica e España e Portugal, ten como finalidade compartir proxectos, métodos e ferramentas que favorecen a participación activa da infancia e da mocidade na salvagarda e transmisión do patrimonio cultural vivo.

As entidades organizadoras finlandesas coñeceron o modelo de Ponte…nas ondas! a través daUNESCO e mostraron especial interese por unha experiencia que, desde hai tres décadas, sitúa os nenos e nenas e a mocidade como participantes activos na documentación, práctica, reinterpretación e transmisión do patrimonio cultural inmaterial.

Para as organizacións finlandesas, o modelo de Ponte…nas ondas! constitúe unha experiencia especialmente inspiradora pola súa capacidade para articular a colaboración entre centros educativos, comunidades, persoas portadoras do patrimonio, medios de comunicación e novas tecnoloxías. Esta dimensión participativa e educativa é precisamente un dos aspectos que se queren dar a coñecer no seminario.

A participación de Ponte…nas ondas! permitirá presentar os métodos e ferramentas desenvolvidos ao longo da súa traxectoria, así como a experiencia de cooperación entre a escola e a sociedade e o papel que desempeñan os propios nenos, nenas e mozos nos procesos de salvagarda do patrimonio vivo.

Un encontro europeo centrado na infancia e na mocidade

Baixo o título «Patrimonio vivo, nenos e mozos: vías de cooperación», o seminario abordará especialmente tres cuestións:

•O papel dos nenos e nenas na protección, transmisión e recreación do patrimonio vivo.
•O papel das asociacións e organizacións culturais e educativas no apoio á participación da infancia e da mocidade.
•Métodos, ferramentas e experiencias inspiradoras que poidan ser adaptados e aplicados en diferentes contextos europeos.

O seminario parte da idea de que os nenos e nenas non son só receptores do patrimonio, senón tamén axentes activos na súa continuidade. A través do contacto coas xeracións maiores, da aprendizaxe e da participación directa, poden coñecer as tradicións, darlles novos significados e contribuír á súa transmisión e recreación.

Neste proceso, as organizacións educativas e culturais desempeñan un papel fundamental ao crear espazos de aprendizaxe, participación e colaboración entre a infancia, a mocidade, as comunidades e as persoas portadoras do patrimonio.

Entre as experiencias que se presentarán figuran tamén iniciativas inscritas no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO, como Terra de Lendas (Land of Legends), de Suecia, e Ponte…nas ondas!, de España e Portugal.

O 17 de outubro, Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial

A Convención da UNESCO para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, adoptada en 2003, conta actualmente con185 Estados Partes. O patrimonio cultural inmaterial comprende as tradicións e expresións vivas, os coñecementos e as habilidades que as comunidades recoñecen como parte do seu patrimonio cultural, entre elas as tradicións orais, as artes do espectáculo, as prácticas sociais, os coñecementos relacionados coa natureza e o universo e os saberes artesanais.

Trátase dun patrimonio que se practica no presente, se transmite de xeración en xeración e se recrea continuamente, adaptándose ás circunstancias e ás necesidades das comunidades.

O seminario web conmemora o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebra o 17 de outubro, e forma parte das Xornadas Europeas do Patrimonio 2026: Patrimonio en Risco.

O encontro desenvolverase en inglés, será gratuíto e aberto ao público. As persoas interesadas poderán participar mediante inscrición previa e tamén poderán rexistrarse para acceder á gravación do seminario unha vez rematado o evento.

DEIXE UMA RESPOSTA

Por favor digite seu comentário!
Por favor, digite seu nome aqui

Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas