Ponte... nas Ondas!

O RadioVisual festexou o Patrimonio desde A Seara (Quiroga) no corazón do Xeoparque das Montañas do Courel


• Desde o Centro de Interpretación da Música de Raíz da Fundación LEGAR emitiuse este venres 22 de maio o sexto e derradeiro evento esta primavera da iniciativa, co protagonismo tamén do alumnado e docentes do CEIP de Quiroga.
• O artista e artesán Xavier Blanco foi anfitrión e protagonista da xornada, cunha auténtica lección maxistral, actuacións en directo e a presenza tamén nos micrófonos para o desafío das preguntas da rapazada.
• O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte… nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
• Logo das visitas a Cea, Muros, Ribeira de Piquín e Castro de Rei, esta d’A Seara en Quiroga foi a derradeira parada do proxecto RadioVisual en 2026.

No marco deste proxecto no que a escola sae ao encontro da memoria viva, no corazón do Xeoparque das Montañas do Courel, na Seara, concello de Quiroga, o RadioVisual do Patrimonio chegou ata un espazo onde a tradición e a paisaxe se mesturan.

Instrumentos creados con elementos da natureza, pezas vinculadas a celebracións tradicionais, ao traballo e ciclo produtivo anual, instrumentos asociados coa danza… A sabedoría de Xavier Blanco, froito de máis de catro décadas de investigación, guiounos este venres polas salas deste auténtico fogar da memoria, artellando unha magnífica lección maxistral, coa que abriu o RadioVisual do Patrimonio que pecha esta xeira de primavera con Ponte… nas Ondas!

O Centro de Interpretación da Música de Raíz localizado na aldea da Seara é, xa desde a súa apertura a finais de 2024, unha auténtica referencia na preservación e divulgación da música tradicional galega, dos seus instrumentos e de todo o coñecemento e patrimonio inmaterial asociado a este eido. Promovido polo artista e artesán Xavier Blanco e súa muller Martina Ferradás, o Centro pode visitarse na Seara, unha das aldeas máis representativas da Serra do Courel. Situada nun contorno de extraordinaria beleza natural, en pleno corazón do Xeoparque Mundial das Montañas do Courel, A Seara representa en si mesma un conxunto de interese etnográfico de valor referencial.

“O patrimonio segue vivo porque hai quen decide compartilo”

A Fundación Legar acubilla aquí un auténtico museo, conservando máis de 1.200 instrumentos de música de raíz galega, así como arquivos sonoros, documentación e material audiovisual diverso. Trátase dunha das coleccións máis singulares do país, froito de máis de 40 anos de investigación de Xavier Blanco, na arela de poñer en valor a música como parte do identidade e memoria colectiva, e á vez ofreceren unha experiencia para escoitar, tocar e sentir os sons que acompañaron a vida das comunidades galegas ao longo do tempo.

O propio Xavier Blanco, mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, explicoulle durante o RadioVisual a nenos e nenas algúns dos secretos que agocha este espazo museístico, onde alén das pezas orixinais podemos ver tamén moitas elaboradas polo propio Blanco. A amplitude do proxecto mesmo impide que toda a colección poida estar simultaneamente a disposición do público, cunha selección de máis de medio milleiro de pezas expostas que vai mudado ao longo dos meses, permitindo amosar aos visitantes este tesouro patrimonial.

Lembramos ademais que para os micrófonos do RadioVisual falou este venres Maribel, veciña que nos trouxo estampas da memoria doutros tempos onde nin a luz eléctrica chegaba aínda ao lugar. Tamén contamos coa presencia de José Luís Rivera, alcalde de Quiroga, quen lle agradeceu a Xavier Blanco a escolla do municipio para o proxecto da Fundación Legar e falou de retos e desafíos dun concello que, con 317 km cadrados é un dos de maior extensión de Galicia. O rexedor non dubidou ademais en someterse ao desafío das preguntas do alumnado da escola local. E desde as montañas do Courel, o RadioVisual do Patrimonio atravesou tamén fronteiras este venres para chegar a Portugal. Desde alí, alumnado e docentes do Agrupamento de Escolas de Monção asistiron á emisión, e enviaron en directo unha saúda a Quiroga.

Quiroga púxolle así o ramo ao percorrido que nesta primavera levou o RadioVisual de PNO! a seis concellos galegos. O evento desenvolveuse no propio Centro de Interpretación, co xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira como mestre de cerimonias e o protagonismo do alumnado da escola local, o CEIP de Quiroga, que preparou diversos contidos relacionados co patrimonio. A emisión puido seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e das webs da asociación Ponte… nas Ondas! (www.pontenasondas.org e www.escolasnasondas.com), onde está xa dispoñible a gravación do evento logo da súa finalización.

GRAVACIÓN DO EVENTO

GALERÍA DE IMAXES DO EVENTO

RadioVisual do Patrimonio 2026 - A Seara (Quiroga)

Territorio Cultura

O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.

Casa de Tolos é unha compañía do sector audiovisual especializada en produción musical con grande experiencia profesional no campo musical, con máis de 1000 traballos musicais gravados e mesturados nos seus estudos en Gondomar (Pontevedra) por onde pasaron músicos e produtores de recoñecido prestixio nacional e internacional. Conta tamén con ampla experiencia na realización de numerosos contidos para distintas televisións e canles de video on demmand en plataformas de TV cabo e online.

A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais, a través da súa liña ‘Territorio Cultura’, destinada á ampliación e diversificación de oferta cultural en áreas non urbanas.

Tres décadas de traballo en prol do patrimonio

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de trinta anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e
portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio,
entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.

En decembro de 2022 Ponte…nas ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da
UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas