Durante a cuarta feira celebraremos unha nova Ponte… nas Ondas!
Xa que o Día Mundial da Radio coincidiu este ano coa celebración do Entroido, e malia que tamén o celebramos difundindo un feixe de programas especiais elaborados polas escolas, quixemos marcar outra data especial no calendario. Así, esta cuarta feira, 21 de febreiro, estamos preparando unha xornada especial en directo, coa colaboración do IES de Breamo, en Pontedeume, e a Radio Afifense, en Caminha.
As escolas aínda poden sumarse a esta participación que está aberta a programas que se desenvolvan en directo desde calquera centro educativo. Ao fío da temática proposta pola Unesco para o Día Mundial da Radio nesta edición, entre as pezas que as escolas poden desenvolver nos seus programas están os xogos tradicionais, a relación dos deportistas e a radio, o xornalismo deportivo, retransmisión deportivas na radio, a igualdade de xénero no deporte, a lingua galega e o deporte, as olimpiadas e os deportes para-olímpicos, etc.
Poderedes seguir a emisión desde o Facebook de Ponte…nas Ondas! e desde Escolas nas Ondas. Vémonos, e escoitámonos, nas Ondas!