Unha delegación galego-portuguesa da Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE…NAS ONDAS! Vai participar en París na 7ª Sesión da UNESCO sobre o patrimonio cultural inmaterial. Ponte…nas ondas! é a única entidade acreditada pola UNESCO en Galicia e unha das 4 en Portugal.
Durante os días 4, 5 e 6 de xuño en París desenvolveranse na sede a UNESCO a 7ª Sesión da Asemblea Xeral dos Estados parte da Convención de Salvagrada do Patimonio Cultural Inmaterial. Desenvolveranse diversas accións relacionadas co patrimonio cultural, desde sesións plenarias con representacións dos países até mesas redondas sobre a importancia da salvagarda do patrimonio para a calidade e a relevancia da educación, entre outras actividades que figuran no programa.
As ONGs acreditadas teñen un espazo propio para o debate e o intercambio de ideas e experiencias que previamente se coordinan no Forum das ONGs dando oportunidade a presentar diversas actividades, vídeos ou materiais relacionados co patrimonio inmaterial. (http://www.ichngoforum.org/cultural-educational-association-ponte-nas-ondas/)
Ponte…nas ondas! presentará as actividades que están desenvolvendo neste Ano do Patrimonio e a edición do libro-disco-dvd NA PONTE en inglés, español e portugués. Este libro recolle a traxectoria desenvolvida pola asociación ao longo dos seus 23 anos.
A delegación de Ponte…nas ondas! estará formada por profesores galegos e portugueses xunto co antropólogo da Universidade Fernando Pessoa Álvaro Campelo quen xa asistiu á última convención celebrada en Addis Abeba ( Etiopía ).
Actividades no Ano do Patrimonio
No ano en que na Unión Europea se está a celebrar o Ano do Patrimonio Cultural Ponte…nas ondas! está a realizar diversas actividades que veñen tendo unha continuidade e unha presenza constante no ámbito educativo e cultural de Galiza e de Portugal como a celebración do Día Mundial da Radio proposta pola UNESCO.
Neste momento está realizándose o certame de recolla As imaxes do patrimonio, unha convocatoria dirixida prioritariamente aos centros educativos da Eurorrexión e aberta ás asociacións e entidades culturais. No mes de setembro daranse a coñecer as imaxes e os textos premiados.
O vindeiro 8 de xuño celerbrarase o VIII encontro de xogos tradicionais no Centro de Estágios de Melgaço, un evento que reune a xoves galegos e portugueses con persoas portadoras do patrimonio lúdico galego-portugués.
Ademais, Ponte…nas ondas ! prepara unidades didácticas sobre o patrimonio inmaterial galego-portugués para dar a coñecer nas escolas da Eurorrexión as manifestacións e as expresións do patrimonio cultural galego-portugués.