O Museo do Pobo Galego acolleu a entrega dos premios do I Certame Escolar Internacional de Podcasts en Galego Xosé Mosquera, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións e apoiado polas fundacións Antonio Fraguas Fraguas e Rosalía de Castro, a RAG, o colectivo Ponte… nas Ondas!, a Radio Galega e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.
O galardón foi para o alumnado do IES de Foz polo seu traballo Antón Fraguas en directo. No mesmo acto, foi distinguido cun accésit o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e cunha mención especial o CEIP Nicolás del Río de Cedeira.
A peza gañadora
Accésit
Mención especial
Un total de 40 gravacións con relatos radiofónicos centrados no autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Antonio Fraguas, optaron ao I Certame Escolar de Podcasts Xosé Mosquera, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e o IES Rosalía de Castro en colaboración con Arraianos Producións e apoiado polas fundacións Antonio Fraguas Fraguas e Rosalía de Castro, a RAG, o colectivo Ponte nas Ondas, a Radio Galega e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.
O xurado deste certame dirixido a alumnado da ESO e de 5º e 6º de primaria destacou, a canda a alta participación, o nivel dos podcasts presentados a concurso. Entre eles seleccionou, polo seu carácter innovador e pola súa especial calidade, tanto na lingua coma no estilo narrativo, o podcast titulado Antón Fraguas en directo, do alumnado de 1º da ESO do IES de Foz, centro que recibirá 1.000 euros, diploma e unha escultura do Vello dos Contos feita por estudantado da ESAD Mestre Mateo.
Ademais deste premio, o xurado decidiu outorgarlle un accésit ao traballo Polo río abaixo hai… do alumnado de 2º da ESO do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e facer unha mención especial ao podcast Antonio Fraguas do alumnado de 6º de primaria do CEIP Nicolás del Río de Cedeira. Ambos os centros educativos recibirán un diploma, unha escultura e cadanseu lote de libros.
Lembrando a Fraguas, primeira voz en galego na radio en Galicia
“O gran profesor que foi Antonio Fraguas valoraría con entusiasmo a creatividade que expresades nun galego de calidade nestes traballos con que contribuídes a honralo o ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas”, afirmou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Canda el participaron na entrega dos premios Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Xavier Mouriño, director do IES Rosalía de Castro de Santiago, e Aser Álvarez, director de Arraianos Producións.