Ponte... nas Ondas!

O día dos medios en galego: Para eles

Ángel Carracedo

Catedrático da Universidade de Santiago e Director da Fundación Pública de Medicina Xenómica (SERGAS)

Hai anos entendín que os científicos non só tiñamos que investigar e dar clase no ensino superior ou conferencias en congresos, senón divulgar a ciencia e que chegara a xente tanto das cidades como do rural e, particularmente, aos mais novos, porque é a forma de que a xente entenda o que facemos, a cantidade de cousas que aínda non sabemos e de que poidan entender mellor o mundo que nos rodea.

Tamén pensei que para comunicar a ciencia en Galicia había que facelo en galego, pero aínda que semellaba posible usalo na comunicación oral era moi difícil na escrita. Sempre me dicían: “Pero se escribes en galego non che vai ler ninguén, nin tan sequera os galego falantes, moito mais afeitos a ler en castelán”.
Tal vez fora verdade pero é cuestión de afacerse. Unha vez o fas queda xa en sintonía o que les e o que falas e aínda por riba enriqueces o teu vocabulario e falas cada vez mellor.
Para divulgar ben a ciencia, que a xente desfrute dela e que algunhas das nosas rapazas e rapaces queiran un día ser científicos, hai que chegar á xente e que te sintan un mais deles. Falar de cousas importantes pero dun xeito sinxelo. Por iso en todas as miñas charlas divulgativas en Galicia é o idioma que emprego, como trato de facelo nos idiomas que sei noutros países, porque proximidade e entusiasmo son claves na comunicación.

Supoño que son tempos complicados para os medios, nos que hai que saber adaptarse aos cambios e combinar formatos para chegar a todos, novos e vellos, pero non sabedes que importancia lle dou a que o fagades en galego, porque é a mesma historia: non só e importante para normalizar o uso da nosa lingua, para poñela en valor, senón para achegármonos á xente e transmitirlle as novas que lle sexan de interese ou importancia. Parabéns polo que estades facendo. Tedes todo o meu recoñecemento e aprecio.

Nada mais que un consello. Vivimos nun mundo que cada vez vai máis apresa con novas que voan vertixinosamente (e non penso que sexa unha boa cousa). Un mundo de novas e novas pero non de información. Eu pediríavos poñer sempre pezas de información, e non me refiro só á ciencia nin moitos menos. Á beira dunha nova dun xuízo explicade que é unha instrución, un sumario ou o código penal. Ao lado dunha estatística o seu significado, cando se fala da COVID que é un virus, ou no seu caso que é o cancro. É unha maneira de que os nosos cidadáns aprendan e poidan analizar criticamente todo o que lles contan. En definitiva, un xeito de facelos máis libres.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas