O proxecto europeo Interreg Sudoe Livhes, reúne nun encontro internacional os nove socios do proxecto para abordar o patrimonio cultural inmaterial, celebrado este fin de semana en Valença do Minho
Ponte…Nas Ondas!, asociación cultural e pedagóxica, foi escollida como mellor práctica co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) dentro do territorio do Minho no marco do proxecto europeo Interreg Sudoe Livhes. Nun encontro internacional, ‘I Mesa Transnacional De Valorización Do Patrimonio Cultural Inmaterial’, que se celebra este fin de semana en Valença do Minho, os nove socios do proxecto, galegos, portugueses, españois e franceses, abordaron as boas prácticas co PCI. Así mesmo, os socios nunha mesa de debate trataron diversos temas como a cultura como elemento de desenvolvemento local coa finalidade de crear unha Guía de valorización do PCI.
Tras realizar un traballo de identificación e selección das boas prácticas ao redor da posta en valor do patrimonio cultura inmaterial, cada socio achegou ao proxecto dúas boas prácticas, unha dentro do seu territorio e outra externa. A AECT Río Minho, a Axencia Europea de Cooperación Transfronteiriza, escolleu a Ponte…Nas Ondas! Como a mellor práctica dentro do seu territorio.
A sesión, celebrada o xoves 25 de novembro, contou coa intervención do embaixador da UNESCO, Antonio Sampaio Da Novoa, desde Paris, que destacou “que no marco deste encontro compartido de prácticas culturais transfronteirizas ao longo do río Minho, quero felicitar a todos por estas iniciativas nas cales se comparten boas prácticas como Ponte…Nas Ondas! que contribúen ao desenvolvemento local e á construción dunha humanidade común.”
Os socios do proxecto europeo Interreg Sudoe Livhes, tiveron a oportunidade de coñecer en primeira man a experiencia educativa de Ponte…Nas Ondas!. Neste encontro, Santiago Veloso, presidente da Asociación, afirmou “Dende a asociación levamos mais de 25 anos traballando para transmitir o PCI ás novas xeracións en Galicia e Portugal. A través de diferentes actividades conectamos aos portadores do patrimonio co alumnado das escolas, para que sexan eles quen transmitan o seu saber e este poida ser difundido nos novos canais de comunicación.”
Ademais, un grupo de alumnos galegos e portugueses realizaron un programa “radio-visual” para mostrar en directo as actividades e os momentos máis reseñables de Ponte…Nas Ondas! No programa, participou Xurxo Antúnez, músico, antigo alumno da experiencia e profesor de música tradicional.
O proxecto europeo foi aprobado na última convocatoria do programa Interreg Sudoe, que se enmarca no Eixo 5 ‘Medio ambiente e eficiencia de recursos’ no que participan nove entidades de España, Francia e Portugal. A iniciativa ten como obxectivo responder a unha necesidade europea de crear un territorio compartido polas áreas escasamente poboadas do sur europeo, atendendo ao Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) recoñecido pola UNESCO como ferramenta de desenvolvemento.
Tesouros Humanos Vivos
No caso do AECT, o seu proxecto para a valorización e transmisión do Patrimonio Inmaterial do Miño transfronteirizo denomínase ‘Os Tesouros Humanos Vivos’. A través desta iniciativa quérese recuperar a memoria cultural galego-portuguesa miñota, pór en valor este importantísimo patrimonio inmaterial, pero tamén garantir a súa transmisión ás novas xeracións, evitando que estes coñecementos desaparezan.
O estudo do PCI do Miño realízase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica ‘Ponte… nas Ondas!’, que está a traballar na documentación da cultura inmaterial do río Miño Transfronteirizo, un territorio que non se subscribe a un único estado, senón a dous, pero que ten unha identidade propia e común por riba das delimitacións políticas establecidas. Algunhas das temáticas que se abordan son a pesca e o río, a lingua (o goianés), a vida na montaña, o xogo tradicional, a cantiga, festa e romaría, e a gastronomía.
Ata 2023
No proxecto de valorización do PCI, que durará ata a primavera de 2023, participan como socios o Pôle Métropolitain Pays de Béarn (FR), Diputación de Teruel, Diputación de Burgos (ES), Fundació Institut Català de Recerca en Patrimoni Cultural (ES), Município de Barcelos (PT), Universidad Pública de Navarra (ES), Institut Occitan de Cultura (FR) , Communauté de Communes Pyrénées Haut Garonnaises (FR), e o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (PT-ES). Todas estas entidades están representadas estes días no Encontro, xunto a outros participantes como a xefa do servizo de Museos do Goberno de Navarra, persoal do Museo da Olaría, asociacións de valorización do patrimonio cultural de Euskadi (Berztolaris), e do Museo da Pesca de Palamós, convidados polos socios.
Interreg Sudoe é a iniciativa comunitaria relativa á cooperación transnacional suroccidental en materia de ordenación territorial e desenvolvemento rexional para o o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).