No marco da recuperación e difusión do patrimonio común da Eurorrexión que forman Galicia e o norte de Portugal, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas… ondas! convocou sete edicións do Certame de Recollida da Tradición Oral e do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués (Certame de Recolla da Tradición Oral – Concurso de Recolha dá Tradição Oral).
A primeira edición do certame celebrouse no ano 2006. Foi unha iniciativa que tiña, e mantén, como obxectivo, fomentar o achegamento do alumnado e do profesorado de Galicia e do norte de Portugal ao seu valioso patrimonio común inmaterial; alumnado e docentes da escola primaria, de secundaria, de bacharelato, de ciclos profesionais e das distintas universidades.
O carácter oral, o cambio do contexto sociocultural, así como o descoido por parte das administracións ,contribuíron a que a tradición oral galego-portuguesa perdese difusión, mesmo dentro do ámbito familiar. Isto último, agrava a situación especialmente; por esta razón, Ponte… nas ondas! pretende incentivar a súa recuperación e incorporar a súa transmisión no ámbito educativo.
Con todo, tras esta gran meta hai tamén outros propósitos educativos e pedagóxicos como o fomento da comunicación dentro das familias e entre as distintas xeracións, entre as comunidades de veciños; a recuperación da literatura, de xéneros tan arraigados á cultura galego-portuguesa como son as lendas e os contos populares; a comprensión da orixe de festividades, de cerimonias…; a aprendizaxe da historia, dos acontecementos políticos e sociais; o coñecemento dos oficios tradicionais e do seu léxico, etc.
En cada unha das convocatorias do certame recuperouse material en prosa (lendas, contos, adiviñas…); verso (historias, cantigas , refráns, oracións…); de arte e cultura (música, danzas…). Así mesmo, recolléronse historias relativas ás relacións sociais e políticas da Eurorrexión (a ditadura, a opresión, o contrabando…). De todos os xeitos, o enunciado variou en cada convocatoria.
Os premios adxudicáronse en función da orixinalidade e da autenticidade da documentación, da sistematización e da organización da mesma, ademais da transcendencia e do aproveitamento didáctico que orixinou.
Na web www.opatrimonio.org hai un completo arquivo que reúne todo o material dos diferentes certames.