• Este proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
• O Mago Antón, a titiriteira Verónica Quintela e o historiador Arlindo Arias, convidados especiais na emisión sarriá, mentres o evento compostelán contará entre outros con Luz Fandiño e Pancho Álvarez.
• Os programas poderán seguirse en directo a través das webs de PNO!
O proxecto de radio itinerante de Ponte… nas Ondas!, #ARadiodoPatrimonio, integrado no programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, desembarca esta semana en Sarria e Santiago de Compostela.
A maxia do Mago Antón voará polas ondas de PNO! o xoves 20 de outubro, desde onde se emitirá, con sede na antiga Fábrica de Feculera, un programa especial a partir das 12:00h. No evento participan seis centros escolares da comarca e varios portadores de patrimonio locais como a titiriteira Verónica Quintela ou Jose Antonio González, director da Banda de Sarria.
Música, historia, tradicións e costumes de Sarria
Jose Antonio González debutou na histórica formación sarriá con tan só 10 anos e leva desde os 22 sendo o seu director, case 30 anos á batuta dunha banda que conta cunha traxectoria de máis de 150. Toda unha vida adicada a música da que dará boa conta ante as preguntas do alumnado do CPR A Asunción, CPR A Merced, CEIP Antonio Fernández, CEIP Frei Luis de Granada, IES Xograr Afonso Gómez e o IES Gregorio Fernández.
Verónica Quintela pasará polos micros da Radio do Patrimonio para explicarlle aos máis cativos como se fan as tradicionais Pampónigas de San Xoán e que tanta tradición teñen na vila. E a historia, as tradicións e costumes de Sarria, serán analizadas polo ollo experto do historiador Félix López Arias, “Arlindo” experto na historia da comarca, cronista entre 1981 e 2011 e que conta cun arquivo de máis de 4.200 páxinas ao que lle chama ‘Tesouro Sarriao’.
Tamén falaremos de bonsais, coa Asociación Serbal, nun programa que se retransmitirá por streaming a través das webs de Ponte… nas Ondas!. Unha hora e media para divertirnos e aprender arredor do patrimonio que pechará cos trucos e historias de maxia do Mago Antón.
Rematamos o Camiño en Fonseca con Luz Fandiño e Pancho Álvarez
Desde o Salón Nobre do Colexio de Fonseca, ao carón da Praza do Obradoiro, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO!) convoca a audiencia o venres 21 de outubro a partir das 12:00h ao seu último programa da iniciativa #ARadiodoPatrimonio
Un programa que contará coa colaboración do alumnado do CEIP López Ferreiro, encargados de elaborar as preguntas aos convidados: desde o propio alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, ata o Reitor da USC, contando tamén con actuacións musicais como a de Pancho Álvarez que fará un obradoiro repasando os instrumentos de corda que constitúen a banda sonora de Galicia.
Os versos de Luz Fandiño terán tamén cabida nas ondas de PNO!. A poeta e activista participará no programa recitando e respondendo ás preguntas dos máis cativos. Tamén o gaiteiro e artesán de San Lázaro, Bartolo, que volverá a coller a gaita para tocar co seu alumno Xavier Varela Couceiro, neto de Xesús Couceiro, fundador da libraría Couceiro en 1969, a libraría máis antiga de Compostela, e da que tamén coñeceremos a súa historia e evolución ata o que hoxe é, alén da venda de libros, un espazo de debate e encontro cultural na Praza de Cervantes.
As Cordas Históricas de Pancho Álvarez poránlle o ramo ao programa, desde a lira ata a guitarra eléctrica, Álvarez ofreceralle aos cativos, e demais xente que alí se achegue, un repaso da evolución musical de Galicia a través da corda.
Será o punto e final a unha serie de catro programas polos que ten pasado o mestre gaiteiro Xurxo Antúnez ‘o Terrible’, o artesán Xavier Blanco, a directora do documental Mulleres na raia, Diana Gonçalves, a cantante Andrea Pousa, o Mago Antón ou o historiador Arlindo Arins. Catro programas que se poden recuperar e ver en diferido nos sitios web de Ponte… nas Ondas!