Ponte... nas Ondas!

Máis dun cento de centros educativos celebran o Día Mundial da Radio 2023 con PNO!


• A efeméride foi unha oportunidade para a celebración do recoñecemento da UNESCO ao modelo de boas prácticas co patrimonio de Ponte…nas Ondas!
• Ademais das actividades nos centros educativos e da colaboración con varias emisoras locais, houbo dous eventos especiais en directo desde Vigo e Santiago de Compostela.

“É un ano moi especial e sentímonos moi alegres porque estamos celebrando ese recoñecemento da UNESCO como modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial. Un recoñecemento ao traballo de moitos centros educativos, docentes, e tamén familias que ao longo destes xa vinte e oito anos foron tecendo unha rede de complicidade arredor do patrimonio común galego-portugués”, subliñou Santiago Veloso, coordinador da asociación.

Máis dun cento de centros educativos participaron e dinamizaron este #DíadaRadio diante dos micrófonos cos seus programas, e cerca de 2000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión-Galicia norte de Portugal celebraron xuntos o Día Mundial da Radio.

Así, este luns 13 de febreiro, desde diferentes radios e centros de ensino de toda Galicia e norte de Portugal, realizáronse máis de 15 horas de radio en directo. A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga foron centros emisores a onde asistiron moitos centros educativos a realizar programas.

Tamén o fixeron outros centros asistindo a radios locais como a Rádio Afifense de Caminha, a Radio Municipal de Tui, Radio Estrada, Radio Fene, Radio Burela e Radio As Nogais. E desde os centros educativos que contan con radio escolar tamén se fixeron programas de radio en directo.

O portal ESCOLAS NAS ONDAS recolleu as emisións de todos os puntos por streaming (www.escolasnasondas.com) e tamén ofreceu ducias de pezas radiofónicas elaboradas por moitas escolas galegas e portuguesas nas súas aulas e radios escolares durante os días previos a este efeméride. Toda esta actividade radiofónica escolar pode escoitarse de novo no propio portal escolar da asociación.

Un modelo de boas prácticas a difundir nas aulas galegas

A representación institucional neste #DíadaRadio con PNO! estivo no evento de Santiago de Compostela, onde Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, recordou o alto número de centros educativos que xa contan coa súa radio escolar, e o interese das actividades que realizan, valorando a transversalidade que favorece a radio como ferramenta para que o alumnado poña en xogo habilidades e coñecementos adquiridos nas aulas.

En resposta ás preguntas do alumnado, o conselleiro amosouse favorable á implantación do modelo Ponte…nas Ondas! nas aulas galegas e destacou que este modelo “posibilita abordar as competencias educativas dun xeito diferente, integrador e motivador”. “Foi unha experiencia emocionante asistir ao recoñecemento mundial a unha práctica educativa tan tremendamente significativa”, recordou o conselleiro ao respecto do momento da beizón da UNESCO a PNO! o pasado mes de decembro,

Pola súa banda, ao fío do recoñecemento do modelo PNO! Por parte da UNESCO, afirmou Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que “podemos estar moi orgullosos de que esta iniciativa teña acadado este recoñecemento e de que conseguise esta relación entre Galicia e Portugal”. Lembrou de paso o reitor ao respecto deste Día da Radio que na súa infancia na Mariña luguesa non tivo televisión na casa ata os dez anos, “e o que escoitabamos era a radio, e lembro con enorme alegría o día no que me regalaron un transistor, o que permitía escoitala fóra da cociña”.

“A radio danos a oportunidade de manter o enorme patrimonio da nosa lingua falada, que é a forma máis viva na que se mantén unha lingua”, salientou pola súa parte Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela. E tamén participou no evento Alba Silva, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, quen salientou que “ter os estudos cheos de xente nova, tráenos creatividade, novas ideas e nós tamén sempre aprendemos”. “A radio é un recurso educativo extraordinario para os centros escolares e o currículo sempre debe incorporar partes que teñan que ver cos medios de comunicación e especialmente coa radio, que fomenta a creatividade e a innovación e esperta a imaxinación”, afirmou a vicedecana.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas