Ponte... nas Ondas!

Xaquín Méndez. In memoriam

Un mestre innovador

Foise discretamente, como era el. Desde a súa Salceda na que viviu e traballou, deixounos Xaquín Méndez, mestre e profesor no Colexio de Altamira e despois no IES Pedras Rubias. Desde Ponte…nas ondas! queremos renderlle a nosa homenaxe coral en nome de todos os/as colegas que compartimos paixón polo ensino público e pola renovación pedagóxica. Serían numerosas as testemuñas que poderían achegar a súa mensaxe para lembrar a Xaquín, desde profesorado a alumnado pasando por pais e nais que darían fé do seu bo labor pedagóxico.

Xaquín foi un dos piares nos que se creou a xornada radiofónica “experimental” e internacional de Ponte…nas ondas!, unha “ponte” que foi posíbel grazas a seu coñecemento tecnolóxico e a súa habilidade técnica, unha das súas paixóns. O colexio Altamira nutriuse de proxectos coma a megafonía externa e interna que cristalizou no 1985 na experiencia pedagóxica raíña do centro: Radio Altamira. As aulas de música, psicomotricidade, teatro, TIC, idioma, ximnasio convertido en gran salón de actos culturais, espazos ao aire libre onde o colexio estendía os seus tentáculos culturais… Borralliño, Penedo Redondo, Praza do Concello.. .en todos atopamos o ADN de Xoaquín. Pero non só en Altamira, tamén noutros centros de ensino, o colexio de Alxén, colexio e instituto de Salvaterra, Sanguiñeda, Parderrubias e…Ponte…nas ondas! estendeu o seu labor.

E así foi como un 28 de marzo de 1995 Xaquín logrou que un pequeno emisor situado na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño (cunha antena prendida dun pau) chegase co seu sinal á emisora Ecos da Raia de Monção. Ese día intenso alongouse até ben entrada a noite para ter todo preparado para a primeira xornada de Ponte…nas ondas! ao día seguinte, o 29 de marzo de 1995.

Cando o próximo ano 2025 celebremos o 30 aniversario de Ponte…nas ondas!, Xaquín estará presente nas nosas ondas, el é xa parte do noso patrimonio. Foise o compañeiro de traballo de toda a vida, o bo, o sensato, o nobre, o atemperado e tamén o orixinal e divertido no entroido, o que sempre estaba aí para todo e para todos/as, o AMIGO XAQUÍN.

Que a túa “ONDA” de sabiduría e de xenerosidade perdure sempre !

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas