Ponte... nas Ondas!

A Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas

A CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS á UNESCO é unha iniciativa que promove Ponte…nas ondas! e trátase da primeira Candidatura Multinacional presentada por centros educativos de dous países co aval dos seus gobernos.

Desde o ano 1995, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! vén traballando na transmisión ás novas xeracións de Galicia e Portugal, do patrimonio inmaterial galego-portugués. Un patrimonio común que mantivo a súa cohesión ao longo dos séculos nun territorio que a fronteira máis antiga de Europa non foi quen de desfacer.
Por iso, cando no ano 2001 a Unesco falla as primeiras proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, Ponte…nas ondas! asume a responsabilidade de levar a cultura común galego-portuguesa a un merecido recoñecemento internacional.

Ponte…nas ondas! comeza un traballo constante de levar ás aulas da Eurorrexión as expresións máis singulares e representativas do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Paralelamente prepáranse estudos achegados por antropólogos e investigadores de Galicia e Portugal. Sucédense as actividades de dinamización e promoción realizadas desde as escolas, as asociacións e as propias comunidades de portadores que vén na Candidatura á Unesco unha forma de revivir unha boa parte das tradicións adormecidas polo desenvolvemento social e os cambios nas formas de vida. Desde Ponte…nas ondas! impúlsanse as Mostras da Oralidade Galego-Portuguesa, celebradas en distintas cidades, nas que teñen participado músicos e artistas galegos e portugueses, os Certames de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa dirixidos aos centros educativos ou realízase o proxecto Meniños Cantores cun simbólico videoclip gravado na ponte de Tui-Valença co título de Máis Perto.

O 23 abril de 2004 preséntase publicamente en Vigo a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Con aínda poucos apoios e moitas reticencias por parte das institucións, quer galegas quer portuguesas, mesmo tamén de Madrid, sucédense as entrevistas no triángulo administrativo Santiago-Lisboa-Madrid e comprobamos como a proposta dunha Candidatura Multinacional era unha auténtica novidade.

Aínda así, Ponte…nas ondas! foi quen de presentar en París o 18 de outubro de 2004 un primeiro dosier co aval dos dous Estados e co apoio da Xunta de Galicia.

Dosier que foi ampliado e completado con novos traballos realizados ao longo do ano 2005.

A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués foi recollendo apoios segundo se aproximaba a data da proclamación ( 25 de novembro de 2005 ). Varios escritores, como Suso de Toro, Méndez Ferrín e Manuel Rivas asinaban un manifesto xunto aos portugueses Mario Claudio ou José Saramago e a galego-brasileira Nélida Piñón, entre outros. Ademais numerosas escolas e institutos, concellos galegos, cámaras municipais portuguesas, institucións oficiais e asociacións diversas mostraron un apoio unánime a esta Candidatura.

Ao igual que o Parlamento de Galicia, que o 10 de novembro de 2004 aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG-PSOE e BNG, na que se solicitaba o apoio da Xunta de Galicia a esta candidatura.

O 21 de setembro de 2005, no Congreso dos Deputados de España, apróbase outra resolución por unanimidade instando ao goberno a apoiala, informando á UNESCO desta resolución.

O 25 de novembro, o xurado internacional reunido na Unesco, considera que a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas, debe ser reformulada para unha posterior presentación.

Os membros do xurado valoraron o extraordinario proceso desenvolvido por Ponte…nas ondas! destacando o feito singular de ser a primeira candidatura mundial en ser promovida por centros educativos de dous países.
Esta decisión do Xurado foi recollida polo xefe da División de Patrimonio Inmaterial, Mr.Riek Smetts, quen nun oficio remitido posteriormente ( o 3 de xaneiro de 2006 ) aos gobernos español e portugués, recomenda volver a presentala coas suxestións feitas polo xurado.

A información sobre a Candidatura pode consultarse en: www.opatrimonio.org

Yang Jongsung ( Corea )

” É máis importante transmitir o patrimonio ás xeracións futuras que gravalo “

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas