A UNESCO acredita a PNO! como ONG consultora do patrimonio inmaterial

Despois de presentar desde hai un ano documentación acreditativa, Ponte…nas ondas! é unha das dúas entidades acreditadas en España, a outra é a Associaçó d´Estudis Fallers da Comunidade Valenciana. Co recoñecemento das dúas asociacións, son unicamente sete as entidades españolas acreditadas pola UNESCO para temas relacionados co patrimonio inmaterial, sendo Ponte…nas ondas! a primeira entidade galega en recibir este recoñecemento

O proceso de acreditación pasou por varias avaliacións técnicas desde que se presentou a documentación que acreditaba os traballos realizados ao longo de dúas décadas de actividades de Ponte…nas ondas! A partir de agora este labor verase amplificado a nivel internacional.

Para Ponte…nas ondas! este recoñecemento supón un aval ao traballo desenvolvido desde o ano 1995 co patrimonio inmaterial galego-portugués, ao esforzo realizado co seu estudo e investigación, ao proceso de presentación da candidatura ás Obras Mestras en 2004 e ao labor de transmisión e dinamización deste patrimonio entre as novas xeracións.
Esta acreditación é un bo paso para dar a coñecer o patrimonio común galego-portugués en todo o mundo e contribuír a recabar apoios internacionais á proposta de inscrición na Lista Representativa. Desde Ponte…nas ondas! séguese a buscar apoios para o proceso desde o portal do patrimonio inmaterial galego-portugués ( www.opatrimonio.org ). A nova plataforma CULTURAQUEUNE ten como un dos seus obxectivos lograr o recoñecemento deste patrimonio común.

FUNCIÓNS CONSULTIVAS

Ponte…nas ondas! poderá exercer as función consultivas que o Comité Intergobernamental da UNESCO lle solicite, referidas a expedientes presentados para inscribir elementos na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial. Pode ser consultada en programas, proxectos e actividades relacionados co artigo 18 da Convención e no impacto dos plans de salvagarda dos elementos inscritos na Lista de Salvagarda urxente.

COÑECEDORES DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

Ponte…nas ondas! foi a asociación promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, a primeira candidatura multinacional nacida a partir de centros educativos. Ademais, sumáronse ao proxecto gran número de comunidades de portadores como as asociacións integradas na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, as comunidades de montes e baldíos de Galiza e do Norte de Portugal, facultades universitarias, concellos, asociacións de artesáns ou de músicos tradicionais…

O patrimonio oral galego-portugués é un referente na cultura universal pois a lírica medieval nacida desde unha tradición oral común é estudada e divulgada en diversas universidades de todo o mundo. Este patrimonio oral mantense vivo na actualidade e presenta unha unidade estrutural que perseverou a pesares da fronteira política establecida polos Estados.

http://www.unesco.org/culture/ich/es/ong-acreditadas-00331

Compartir

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here