Ponte... nas Ondas!

«Agora Cantamos Nós!», festa grande galego-portuguesa en prol das Letras Galegas Universais

• Alumnado galego e portugués encheu o Parque Eugenio Granell, en Santiago de Compostela, na foliada deste venres 23 de maio.

• Tesouros vivos, como Teresa dos Cucos, cantareira de Malpica de Bergantiños, participaron tamén neste evento de posta en valor do patrimonio oral galego-portugués.

• O proxecto incluíu a gravación dun audiovisual documental e a próxima publicación dun Cancioneiro galego-portugués.

• A iniciativa está apoiada polo Concello de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral da Lingua, o Consello da Cultura Galega e a Deputación da Coruña.

Máis de cinco horas de festa con inesgotable enerxía, tal e como amosou o alumnado das escolas galegas e portuguesas que engaiolou este venres 23 de maio no Parque Eugenio Granell de Santiago de Compostela co seu bo facer nos escenarios compartidos. Alí escoitamos por exemplo a «Muiñeira de Arganzón», «Xota de Arganzón», «Regueifa de San Salvador», «Regueifa do Banquete», «Muiñeira Corrida» ou «Tataravoa» entre moitas outras pezas.

‘Ferreiriñas’, ‘Barri-Kreo’, ‘As tres cordas’, ‘Os Clementinos’… son algúns dos grupos infantís e xuvenís que participaron nesta foliada, á que acudiron os seguintes centros educativos: CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela), o IES de Ames, IES Barra (Ponteareas), CEIP Cardenal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), CEIP Seis do Nadal (Vigo), CEIP Petelos (Mos), Escola Nadir Afonso (Chaves), CEP Altamira (Salceda de Caselas), CEP Carlos Casares (Salvaterra de Miño), IES de Salvaterra de Miño, Escola Profissional Agrícola de Celorico de Basto, IES Alexandre Bóveda (Vigo), IES San Clemente (Santiago de Compostela) e CEIP A Ramallosa (Teo).

Tesouros vivos

Tamén tivo relevancia a presenza dos “tesouros vivos”, esas persoas que posúen un coñecemento profundo e significativo dunha cultura ou tradición, e cuxa experiencia é fundamental para preservar e transmitir ese coñecemento ás xeracións futuras.

E un bo exemplo foi Teresa dos Cucos, cantareira galega de Malpica de Bergantiños e figura destacada na preservación e transmisión da música e tradición oral galega. Recoñecida influencia e colaboradora de músicos e grupos como Xabier Díaz, Sés, Mercedes Peón, Xurxo Souto e Tanxugueiras, Teresa é toda unha “Mestra da Memoria”, tal e como a galardoou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

A importancia da transmisión interxeracional

O profesorado participante valorou moi positivamente a actividade, subliñando a oportunidade deste tipo de celebración para que o alumnado comparta un día de festa con outros grupos de escolas galegas e portuguesas e ao tempo, con grupos de música profesionais e persoas portadoras da tradición oral compartida. Así o salientaron por exemplo Óscar Suárez Carbia, músico e docente no CEIP da Ramallosa, escola con intensa actividade na divulgación musical que pechou o evento, ou Filipe Barros, titor do alumnado de Celorico do Basto ou Amelia Rúa, profesora da escola de Chaves, e quen xa participara tamén en Meniños Cantores 2.

Ao evento asistiron tamén representantes das institucións que apoian esta iniciativa. Por parte do Concello de Santiago de Compostela estivo a concelleira Pilar Lueiro: “O noso concello vibra día a día coa nosa música tradicional, Compostela non se entende sen foliada”, gabou. Desde a Xunta de Galicia asistiron o secretario Xeral da Lingua, Valentín García e o director xeral de Patrimonio, Ángel Miramontes, que destacaron o traballo de Ponte… nas ondas! no reforzo dos lazos coa lusofonía. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, falou tamén da importancia da reivindicación do patrimonio oral galego-portugués. Do mesmo xeito que a deputada Sol Agra Tuñas, da área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña, quen tamén salientou a oportunidade e o valor de divulgar e transmitir este patrimonio compartido ás novas xeracións, tan de relevancia este mes ao abeiro da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas 2025.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Foliada Agora Cantamos Nós! Baner Modelo PNO!
Campaña Subscríbete ao Galego
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO! PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas