Ponte... nas Ondas!

Alumnado galego e portugués enxalza o patrimonio inmaterial na festa de entrega dos premios do Certame Imaxes do Patrimonio

• Conducido por Paco Nogueiras, o evento puido seguirse en directo desde a web de PNO!
• Cativada de escolas dos concellos de Laza, O Pereiro de Aguiar, Vigo, Ribeira, Santiago de Compostela, Foz, Ames, Cea, Marín, Noia, Salvaterra de Miño, Ponte Caldelas, en Galicia, ou Porto e Monção, en Portugal, presentou o seu traballo en prol do patrimonio inmaterial.
• O sábado 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio, o Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo acollerá o espectáculo “Ponte de Patrimonio”, gala do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

ENTREGA PRÉMIOS 2024 - AS IMAGENS DO PATRIMÓNIO

Ao son do Radio Bulebule de Paco Nogueiras e co público en pé bailando e cantando as pezas, centos de rapaces e rapazas de case unha vintena de escolas galegas e portuguesas, despedían a festa de entrega dos premios da sétima edición do Certame Imaxes do Patrimonio este venres no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo.

O propio Paco Nogueiras foi o encargado de conducir este evento da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, celebrado nesta véspera do Día Internacional do Patrimonio. Un evento que puido seguirse tamén en streaming desde a canle de Youtube e a web de PNO!

Esta sétima edición, desenvolvida durante o curso 2023/2024, colleitou case medio milleiro de fotografías peneiradas polas familias participantes, procedentes de ata 40 escolas galegas e portuguesas. Unhas imaxes que se sumarán agora á peneira de máis de 4.000 fotografías vencelladas ao patrimonio inmaterial recollidas nas anteriores edicións do certame, e que están dispoñibles no arquivo virtual do patrimonio inmaterial que vén construíndo PNO!. Durante o evento puideron escoitarse tamén os podcasts premiados, elaborados polo alumnado ao fío das imaxes coas que traballaron nas aulas.

As imaxes do patrimonio

Un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza a comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza, un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, dous rapaces apenas adolescentes comezando como aprendices de albanel e ebanista, unha parella moceando na emigración londiniense dos anos 60, un día na sega do trigo, unha voda multicultural en Río de Janeiro hai case setenta anos, montando o palco da festa…

Os anteriores son tema dalgunhas das magníficas estampas, con grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no VII Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das
súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte…nas ondas!

O xurado integrárono Sergio Pereira antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga, Xerardo Feijoo, profesor, e Fran Valcárcel profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Acceso ás imaxes premiadas: https://escolasnasondas.com/vii-certame-de-fotografia-imaxes-dopatrimonio-as-ganadoras/

*Proximamente estará dispoñible a gravación do evento nesta mesma web e no Youtube de PNO!

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas