• O cambio climático é o tema proposto pola UNESCO en 2025
• O portal #EscolasnasOndas difundirá os traballos do alumnado nas radios escolares
• O “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial” será presentado no 5º Encontro de Xestores Culturais do Ministerio de Cultura en Caravaca de la Cruz.
O xoves día 13 de febreiro de 2025 celebramos o Día Mundial da Radio. Ponte… nas Ondas! vén axudando a que as escolas se involucren cada ano nesta efeméride da UNESCO para a que a institución internacional escolleu este ano o lema “A radio e o cambio climático”, salientando as numerosas oportunidades que ofrece a radiodifusión para dar prominencia ás cuestións relacionadas co cambio climático e subliñando como a radio escolar é hoxe un medio que forma e educa en cuestións clave para o futuro compartido no planeta.
A UNESCO recorda que 2025 é un ano crucial para o cambio climático: de conformidade co Acordo de París, se a humanidade quere limitar o quecemento global a 1,5 °C, as emisións de gases de efecto invernadoiro deben alcanzar o seu punto máximo ese ano como moi tarde, antes de que empecen a diminuír. E para apoiar ás emisoras de radio na súa cobertura xornalística desta cuestión, decidiron que o cambio climático sexa eixo deste Día Mundial en 2025.
O portal ESCOLAS NAS ONDAS (www.escolasnasondas.com) recollerá este xoves 13 de febreiro todas as pezas radiofónicas elaboradas polos centros educativos nas súas aulas e radios escolares durante os días previos a este efeméride. Participan, entre outros concellos, escolas de Ferrol, Vigo, Santiago de Compostela, Narón, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Moaña, Castro de Rei, Mugardos, Cangas, Cea, Tui, Salvaterra, Salceda de Caselas ou Ponteceso, en Galicia, e Monção ou Vila Nova de Gaia, en Portugal.
Serán arredor dun cento de pezas chegadas de ducias de escolas galegas e portuguesas, que se sumaron este ano á celebración desde Día Mundial da Radio. Nenas e nenos desde infantil a primaria e mozas e mozos de secundaria, bacharelato e FP, achegáronse aos micrófonos da emisora escolar para colaborar na xornada.
30 aniversario de PNO!
O 29 de marzo de 1995, escolas de Galicia e Portugal ergueron unha ponte radiofónica que, xunto con outras prácticas, foron consideradas pola UNESCO en 2022 como un “Modelo de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)”. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.
Este 2025, PNO! celebra tres décadas a difundir, preservar e valorizar o PCI de Galiza e Portugal, a través da dinamización de programas radiofónicos, actividades e proxectos desenvolvidos, quer en contextos educativos, quer en contextos informais, xunto das comunidades portadoras.
Por este motivo, PNO! vai celebrar unha intensa xornada de programación multimedia en directo o próximo 26 de marzo de 2025.