Ponte... nas Ondas!

Declaración institucional do Parlamento de Galicia en apoio a Ponte…nas ondas!

• Unanimidade dos tres grupos políticos do Parlamento de Galicia que votan unha declaración conxunta en apoio de PNO!
• O documento destaca que a práctica de Ponte…nas ondas! ten sido empregada como un instrumento educativo fundamental para o coñecemento, a salvagarda, a transmisión e continuidade interxeracional do patrimonio cultural.
• A institución súmase así aos apoios recibidos pola asociación sociopedagóxica e cultural nos días previos á decisión final do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial que se celebrará en Rabat a finais de novembro.

“O Parlamento de Galicia, agradece e recoñece o labor de Ponte…nas ondas! a prol da salvagarda do noso patrimonio inmaterial e apoia a inscrición do modelo Ponte…nas ondas! no rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO”. Así conclúe o documento institucional feito público este mércores 9 de novembro de 2022 polo Parlamento de Galicia. Unha declaración institucional que contou coa unanimidade do voto dos deputados de PPdeG, BNG e PSdeG.

Os parlamentarios subliñan que PNO! é unha organización que ten sido “exemplar na identificación, recoñecemento, transmisión, educación patrimonial e dinamización das comunidades por medio dun patrimonio cultural inmaterial transnacional e transfronteirizo. Por esta traxectoria, a UNESCO acreditou a Ponte…nas ondas! como ONG consultora para o PCI en 2015, a única entidade en Galicia”.

Aquí a declaración institucional completa:

http://www.parlamento.gal/Actualidade/3718/declaracion-institucional-de-apoio-a-ponte…nas-ondas/

Declaración institucional de apoio a Ponte…nas ondas!

Coa presentación oficial conxunta en 2021, por parte dos gobernos de España e Portugal, da candidatura para a inscrición no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco, Ponte…nas ondas! ve recoñecido 27 anos de traballo e supón un aval a toda unha práctica educativa e cultural realizada desde os centros educativos. O seu labor é tamén coñecido pola iniciativa de promover a primeira candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO en 2004.

A práctica de Ponte…nas ondas! ten sido empregada como un instrumento educativo fundamental para o coñecemento, a salvagarda, a transmisión e continuidade interxeracional do patrimonio cultural.

Ponte… nas ondas! identificou o conxunto do patrimonio común galego-portugués, por riba das fronteiras administrativas, antes mesmo da consideración do PCI por parte da UNESCO e da entrada en vigor da Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial en 2003.

Ponte… nas ondas! levou o patrimonio cultural inmaterial ás aulas da Eurorrexión a través da práctica radiofónica e integrando ás persoas e comunidades portadoras do PCI nos programas de radio, no audiovisual e nas redes sociais, poñendo en valor e garantindo o coñecemento do patrimonio, así como a súa transmisión interxeracional e a súa preservación.

Ponte…..nas ondas! ten colaborado con administracións, institucións e universidades galegas e portuguesas na procura de divulgar este patrimonio compartido e favorecendo o seu coñecemento e a súa identificación por parte da sociedade.

O traballo de Ponte…nas ondas! ten contribuído á revalorización de prácticas e saberes que melloran o benestar e a calidade de vida das persoas e comunidades portadoras, dando visibilidade ao seu patrimonio e fomentando un desenvolvemento sustentable, con transferencia de saberes ás novas xeracións.

Unha organización que ten sido exemplar na identificación, recoñecemento, transmisión, educación patrimonial e dinamización das comunidades por medio dun patrimonio cultural inmaterial transnacional e transfronteirizo. Por esta traxectoria, a UNESCO acreditou a Ponte…nas ondas! como ONG consultora para o PCI en 2015, a única entidade en Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia, agradece e recoñece o labor de Ponte…nas ondas! a prol da salvagarda do noso patrimonio inmaterial e apoia a inscrición do modelo Ponte…nas ondas! no rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas