Ponte... nas Ondas!

Meniños Cantores

Milleiros de persoas encheron auditorios en Porto e Vigo na presentación deste proxecto pioneiro, un libro-disco gravado por 17 escolas galegas e portuguesas. Unha iniciativa que xuntaba un libro, un CD e un DVD escritos e gravados por nenas e nenos que se converteu nun referente mundial do traballo co patrimonio musical compartido de dous países.

Hai que lembrar que este libro-disco formou tamén parte do material que Ponte…nas ondas! lle enviou ao xurado internacional da Unesco en 2004 como apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Fernando Abreu, en representación dos profesores de música que colaboraron no proxecto, explicaba daquela o esforzo no proceso de gravación de todo o traballo, destacando que o resultado é “unha posta en valor moderna do patrimonio inmaterial” e engadindo que “consigue que os alumnos dos institutos coñezan a tradición musical aínda que a recreen con novas instrumentacións e acordes”. Santiago Veloso, presidente da Asociación Ponte…nas ondas!, subliñaba aquel día durante a presentación da iniciativa que Meniños Cantores é un traballo co Patrimonio Musical Galego-Portugués abordado por nenos, mozos, profesores, músicos e artistas galegos e portugueses e desenvolvido tendo coma referencia a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

O escritor Suso de Toro, escritor galego que colaborou no proxecto, contaba que “este non é un produto cultural ao uso” sinalando que “é un produto especial xa que sae fora dos circuítos comerciais ao uso coma as industrias discográficas”. Gabou tamén Suso de Toro o traballo feito en “Meniños Cantores” manifestando que “é de alta calidade e vai competir no mercado europeo no sentido máis amplo da palabra”. De paso, salientaba o escritor a importancia de que a iniciativa xurdise da sociedade civil para poñer en valor un patrimonio cultural compartido entre Galicia e Portugal, amosando o seu convencemento de que “vai axudar a mellorar as relacións entre as dúas beiras”.

O actor Carlos Blanco foi aquel día o encargado en Vigo de presentar a gala dos Meniños Cantores, un espectáculo multimedia que contou coa actuación en directo de centros educativos de Galicia e Portugal protagonistas de Meniños Cantores así coma de figuras da música tradicional coma Xose Manuel Budiño e Leilía. Tamén participaron Augusto Canario e Luis Caruncho cunha representación dos cantares ao desafío e as regueifas, dúas das manifestacións do Patrimonio Inmaterial que formaron parte da Candidatura.

Meniños Cantores estrutúrase en tres soportes en galego, portugués, castelán e inglés:
– un Libro 98 páxinas a cor, con letras, textos, debuxos e fotografías
– un CD con 28 temas musicais e pistas interactivas
– un DVD que inclúe dous documentais: un documental de 60 minutos que recolle o proceso de realización de “Meniños Cantores”, outro documental titulado “Un patrimonio para o futuro” cunha duración de 60 minutos; 17 videoclips, e cancións coa opción de versión karaoke.

Máis información na web de Meniños Cantores ( www.meninoscantores.com )

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas