Ponte... nas Ondas!

PNO! o modelo elixido para a presentación da nova plataforma de boas prácticas da UNESCO

Na sesión deste venres foi presentado ao Comité un piloto da plataforma que a UNESCO vai lanzar no próximo ano para dar visibilidade e potenciar o Rexistro das boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial. Entre as 14 experiencias de referencia co patrimonio inmaterial foi presentada a de Ponte…nas ondas!, descrita polo secretariado como un dos mellores exemplos de salvagarda.

Modelo para a plataforma

A UNESCO destacou que no contexto de desenvolvemento técnico inicial da plataforma buscouse desenvolver unha experiencia dixital reforzada para as experiencias de salvagarda seleccionadas. E proxectando o piloto da nova plataforma coas imaxes de Ponte…nas ondas! sinalouse que a plataforma revestirá un formato de narrativa interactiva que permitirá aos usuarios poder intercambiar os seus recursos asociados con cada salvagarda de maneira intuitiva e dinámica. E púxose como exemplo o que está desenvolvendo unha ONG chamada Ponte…nas ondas! baseada nunha iniciativa radiofónica desenvolvida en Galicia e no Norte de Portugal. Aproveitando esta metodoloxía posta a proba para a plataforma, coas imaxes de PNO! de fondo, destacouse que o proxecto ten como finalidade presentar dunha forma atractiva visualmente e interactiva as diferentes vías de salvagarda, as estratexias aplicadas polas comunidades que participan, as escolas ou as organizacións, para responder a necesidades específicas, neste caso o fomento do diálogo interxeracional e xerar maior interese entre os xoves en relación ao patrimonio cultural compartido entre ambos países.

A idea é que unha presentación interactiva deste tipo dos enfoques de salvagarda, como a presentada co exemplo de Ponte…nas ondas!, se poida aplicar a un número limitado de experiencias en varias áreas temáticas na plataforma na súa versión futura.

Nesta plataforma, a UNESCO valora a tripla e innovadora estratexia de PNO!, que suma educación, comunicación e patrimonio, e destaca especialmente que o modelo PNO!, alén de fortalecer os lazos culturais a través da fronteira, fomentou o diálogo interxeracional e espertou maior interese e conciencia entre a mocidade involucrada sobre o seu patrimonio cultural compartido. Destaca a UNESCO que as metodoloxías participativas despregadas por PNO! son “un marco poderoso para fomentar o diálogo internacional e ao mesmo tempo garantir a transmisión interxeracional de tradicións culturais compartidas”.

Os próximos pasos

A comezos de 2026 a secretaría vai crear un grupo asesor que se encargará do seguimento do desenvolvemento da plataforma, que a supervise e que inclúa 60 experiencias de salvaguarda seguindo a fase piloto para aprobar a metodoloxía. A partir destes avances, a plataforma estará en funcionamento ao longo do 2026 e o seu lanzamento terá lugar no marco da 21ª Sesión do Comité Intergobernamental do PCI e seguiría cunha segunda coa inclusión de novas experiencias para o 2027.

Palabras de agradecemento

Despois da presentación producíronse diferentes intervencións de representantes de Estados incluídos no Comité e tamén de Estados membros. A primeira intervención foi da representante de España, María Agúndez, quen agradeceu os apoios recibidos para a creación da nova plataforma. Destacou a iniciativa de Ponte…nas ondas! e o longo proceso de inscrición no Rexistro de boas prácticas, de máis de dez anos de traballo. E louvou a Ponte…nas ondas! como unha comunidade portadora moi traballadora e moi insistente no desenvolvemento da súa boa práctica.

E a seguir sucedéronse intervencións de Eslovaquia, Nigeria, Barbados, Haití, Paraguai, Brasil, Bélxica, Chequia, Finlandia, India, Noruega, Reino Unido, Corea e Indonesia. Todas valoraron a necesidade de poñer en valor as boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial e a oportunidade que vai ofrecer a nova plataforma, felicitando ao secretariado polo impulso a esta nova iniciativa.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here


Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas