• Nun evento celebrado este venres 18 de xullo na Coruña.
• Premiados tamén o filólogo e catedrático emérito Xosé Ramón Freixeiro Mato, na categoría para persoas; e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques, galardoados ‘ex aequo’ na categoría das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade.
• A deputada Sol Agra destacou na súa intervención que todas as persoas e entidades premiadas “son o orgullo de quen ama a nosa lingua” e que “o seu traballo mantén o facho aceso” da nosa cultura e identidade.
“Por constituír unha iniciativa educativa e cultural pioneira que leva promovendo, dende 1995, o uso da lingua galega en contextos reais, creativos e interxeracionais”, subliñou o xurado o outorgamento do XVI Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, na categoría de entidades, á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!
O evento de entrega dos premios celebrouse este venres 18 de xullo na Coruña. Durante a gala de entrega dos premios, a deputada Sol Agra, referiuse á “metodoloxía participativa e transfronteiriza” de PNO!, “con participación en moitísimos centros educativos de Galicia e Portugal” e lembrou que o proxecto se consolidou como unha ferramenta eficaz na valorización, normalización e proxección internacional da lingua galega, sendo avalada e recoñecida pola UNESCO como un modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial.
Sol Agra destacou a dedicación en prol da defensa da lingua en particular e do patrimonio inmaterial en xeral de PNO, subliñando o labor da entidade e persoas premiadas mantendo con orgullo o facho aceso da nosa cultura e identidade. Defendeu tamén o valor do traballo de PNO agromado desde a comunidade educativa, un traballo que enche de esperanza e gratitude e que coincide plenamente cos obxectivos cos que naceron os premios Rosalía de Castro de Lingua, para visibilizar, dar a coñecer e apoiar ese compromiso inquebrantable que non se rende ao pesimismo e é motivo de alegría e celebración.
A lingua como ponte
“A lingua é a nosa ponte”, salientou o presidente de PNO!, Santiago Veloso, no seu agradecemento á Deputación da Coruña por este especial recoñecemento que chega “no noso trinta aniversario”. “Unha lingua que é ponte e que non só cruza o Miño senón o Atlántico. Pola súa parte, a represenante da asociación en Portugal, Esmeralda Carvalho, destacou o recoñecemento “ao colectivo”, non só de alumnado e docentes, senón tamén de todos aqueles homes e mulleres que gardan “as memorias vivas” e a todo quen defende que a cultura popular merece ser recoñecida e ten que ser coidada, e referiuse tamén á emoción de que PNO! se una á historia dun premio que fai referencia a unha figura emblemática da literatura e da identidade galega como é Rosalía de Castro.