Ponte… nas Ondas! celebra tres décadas retransmitindo o patrimonio

O proxecto celebrará o seu vinte aniversario con 24 horas de radio e televisión á que se sumarán 54 centros educativos e 14 estudios de radio de Galiza e norte de Portugal; con destacadas voces da radio, escritores e músicos da Lusofonía.

Nun acto presentado polo Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato –ambas entidades colaboradoras do proxecto-; o Presidente da Asociación cultural e Pedagóxica Ponte… Nas Ondas, Santiago Veloso presentou en detalle a programación da XX Xornada Multimedia de Comunicación ‘Ponte… nas Ondas!’, coa que se conmemora o aniversario deste programa que une a alumnado e profesorado de Galicia e Portugal.

Santi Veloso quixo destacar en primeiro lugar que “a estrelas da xornada de Ponte… Nas Ondas! son sempre os alumnos e alumnas dos centros, que son tamén os que a manteñen viva durante todo o ano desde as súas radios escolares e desde a participación en todos os proxectos paralelos que fomos producindo ao longo destes vinte anos”. O presidente de PNO recordou que “fomos pioneiros retransmitindo radio e televisión por internet, cando non era algo común como hoxe, senón unha aposta moi experimental”. Neste sentido, Veloso apuntou á grande importancia da entrada da Universidade de Vigo como socio colaborador do proxecto aportando a tecnoloxía que permitiu a PNO dar un salto técnico cualitativo e, segundo engadiu o reitor da UVigo, Salustiano Mato “supuxo unha oportunidade para intensificar esa ponte entre o ensino universitario e a secundaria e primaria, cun montón de proxectos que nos enriquecen a todos”.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, salientou o traballo da Asociación Cultural e Pedagóxica representada por Veloso nunha tarefa de tanta importancia como é a de “construír a Eurorrexión desde a base social”, e salientou o acerto de facelo “centrándose nos máis novos, no xerme do futuro”. “Desde hai 20 anos centos de nenas e nenos, profesores e mesmo alumnos das universidades dos dous países teñen traballado xuntos en diferentes iniciativas que lles permitiron descubrir que, detrás das diferenzas superficiais, hai un fondo común na nosa lingua e cultura que supón unha gran oportunidade para medrarmos xuntos”, dixo.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o labor do proxecto no uso das novas tecnoloxías (TIC) e dos medios de comunicación nas aulas e na difusión dos traballos realizados por internet. “Os nosos máis sinceros parabéns por desenvolver con éxito esa difícil tarefa de introducir nos centros educativos ferramentar alleas ás metodoloxías habituais, que abren novas vías para a aprendizaxe, tanto do alumnado como do propio profesorado, e que enriquecen notablemente a experiencia educativa”, dixo.

Xesús Vázquez Abad tamén falou da implicación do profesorado participante ao longo destes 20 anos en ‘Ponte… nas Ondas!’. “Traballo colectivo, respecto á cultura tradicional, entendemento entre pobos… son valores transversais que o profesorado transmite día a día ás alumnas e alumnos a través deste e outros proxectos, desempeñando un papel que toda a sociedade debe agradecer”, sinalou.

Premios Boas Ondas

‘Ponte… nas Ondas!’ comezou a súa andaina en 1994, co fin de servir como ponte de comunicación entre Galicia e Portugal ás beiras do miño. A través fundamentalmente de iniciativas interescolares de radio e a través da internet, tanto a ambos os lados da fronteira como con outros países de Latinoamérica. Desde o ano 2002, o alumnado participante ampliouse coa incorporación de grupos universitarios que fixo que a experiencia completase o abano educativo que vai desde o ensino infantil a grupos das universidades galegas e portuguesas. Nas últimas edicións, a partir do 2007 e en colaboración con UVIGO-TV da Universidade de Vigo, realizáronse emisións de televisión por Internet coa produción dos centros educativos participantes.

Co gallo da vixésima edición do proxecto este ano premiarase por primeira vez o esforzo realizado por alumnos e docentes na preparación dos programas a través da creación dos premios Boas Ondas en 6 categorías, para o mellor programa radiofónico gravado, en directo, en colaboración cunha emisora profesional, en vídeo, sobre algunha expresión do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ou realizado fóra da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

A XX Xornada Multimedia de Comunicación centrarase, un ano máis, na radio en directo desde diferentes emisoras de Galicia e do Norte de Portugal, unha programación que poderá seguirse en directo na súa totalidade a través de Internet desde a web www.pontenasondas.org, desde as 10.00 hs. da mañá do día 30 durante 24 hs., e que estará coordinada por UVIGO-TV. A Radio Galega realizará un seguimento especial durante a xornada e realizará desde o auditorio Miralles da Universidade de Vigo un programa especial durante a tarde.

Participacións destacadas

Durante a xornada está previsto emitir, mensaxes e textos na voz de escritores galegos e da lusofonía. Desde Timor, estará presente Luis Cardoso; desde Angola, Ana Paula Tavares e Artur Pestana “Pepetela”; desde Guiné-Bissau, Odete Semedo; desde Mozambique, Cremildo Bahule; desde Sao Tomé e Príncipe, Inocência Mata; desde Brasil, Luiz Rufato e Otto Winck; desde Portugal, Manuel Jorge Marmelo e Pedro Miguel Rocha; desde Cabo Verde, Germano Almeida; e desde Galiza, Suso de Toro, Agustín Fernández Paz, Rexina Vega, Rosalía Fernández Rial, Marta Dacosta, Carlos Quiroga, Ana Romaní e Antonio Reigosa. Desde o mundo da radio, contaremos con destacados/as xornalistas radiofónicos establecerán conexións coa xornada desde Barcelona, Madrid, Lisboa ou Braga. Francino da Cadena Ser, José Miguel López de Radio 3, Julia Otero de Onda Cero… Tamén se estrearán varios temas musicais compostos por artistas galegos e caboverdianos especialmente para a celebración deste XX aniversario; e escoitaremos a moitas voces da escena musical galega apoiando o proxecto con mensaxes e música.

Unha canle propia

Desde Ponte…nas ondas! reivindicarase ao longo da xornada a petición dunha canle propia de radio para as radios escolares segundo o expresado no Manifesto das Radios Escolares feito público no pasado 13 de febreiro coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio.

COMPARTILHAR

DEIXE UMA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here