Como facer un podcast? – Guía rápida – Preme aquí para descarga
Novo Mundo, Nova Radio, é a proposta feita pola UNESCO para esta X celebración do DÍA MUNDIAL DA RADIO en 2021.
O mundo muda e a radio tamén. A radio gañou unha nova vitalidade en Internet e nas redes sociais. Novos soportes, como os podcasts, están a modificar as formas do medio radiofónico. A radio escolar tamén se adapta a estes novos formatos e Ponte…nas ondas! promove a participación do alumnado no medio radiofónico, vencellado ao patrimonio cultural galego-portugués. A cobertura deste patrimonio a través das radios escolares é o modelo de Ponte…nas ondas !
25 anos nas ondas do “radiovisual”
Ponte…nas ondas! foi a primeira experiencia radiofónica que emitiu en streaming, no ano 1997, cando aínda ningunha emisora de radio facía as emisións por Internet.
Na publicación do libro-disco-dvd NA PONTE, nas presentacións en directo, presentábase o formato “radiovisual” que mostraba unha experiencia de radio integrando a radio con videoconferencias e emisión por Internet.
Un novo mundo, unha nova radio
Ponte…nas ondas! convida ás escolas a participar no Día Mundial da Radio a través do portal ESCOLAS NAS ONDAS ( www.escolasnasondas.com ). Emitiranse os programas e podcasts que se reciban do alumnado galego e portugués.
Proponse ao alumnado as seguintes actividades:
- Realización de programas de radio de diversos formatos e xéneros.
- Realización de podcasts con referencias ao mundo da radio.
- Audios de alumnado imitando formatos radiofónicos.
- Programas de radio desde algunhas das materias do currículo.
- Radio-visual ( a radio con imaxes desde a casa, desde a escola, desde a rúa…).
- A radio no contexto da pandemia do COVID19.
Ademais, as radios escolares están emprazadas a presentarse publicamente describindo a súa actividade, os seus recursos e as súas realizacións.
Os traballos deben enviarse a : web@escolasnasondas.com
Preséntasnos a radio do teu centro?
Outra forma de participar é presentarnos a radio da túa escola: Como se chama? Onde está? Que fai? Que medios ten? Envíanos a túa saúda para o Día Mundial da Radio!
Obradoiros de radio
Ponte…nas ondas! está realizando obradoiros de radio nos centros educativos e colabora na posta en marcha de radios escolares, unha demanda que procura a mellora da competencia comunicativa do alumnado e competencia dixital.