Ponte... nas Ondas!

Ponte…nas Ondas! entrega os premios da II Edición do Certame Imaxes do Patrimonio

  • Aulas dos concellos de Lugo, Nigrán, Baiona, Mos, Vigo, Gondomar, Salceda de Caselas e Moeche resultaron gañadoras do concurso
  • Escolas de toda Galicia participaron na recollida de imaxes significativas do patrimonio inmaterial
  • As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués

O Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acolleu este luns 25 de novembro o acto de entrega de premios do 2º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Foi nun evento conducido polo narrador e poeta Lois Pérez, que abriu o acto cun emotivo recordo da súa propia infancia e avoa, ilustrado con imaxes do seu arquivo familiar. “A min gustábame ir á escola”, dicíalle a súa avoa, “pero ás veces non podíamos porque tiñamos que ir coas vacas”. Posteriormente, o alumnado premiado fixo lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas (Textos que poden atoparse aquí: http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/ ). A continuación, escoitaron un poema recitado por Lois Pérez acompañado dos acordes dunha guitarra elaborada con material reciclado. E a festa concluíu cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma, quen puxo en pé a un auditorio entregado coas súas animadas pezas musicais.

Unha voda nos anos 50, no tempo onde os casamentos non celebraban no restaurante senón, moitas veces, na palleira; a desaparecida profesión dos tranviarios; familias gozando da festa da empanada; un dos primeiros trens de mercancías que pasou polo Porriño tirado por touras; repartimento de pan co burro Juanito en tempos de racionamento; o primeiro barco que chegou a Vigo despois da Guerra Civil traendo familias da emigración… Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no II Certame de Fotografía ‘Imaxes do Patrimonio’ convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!

O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas. En total premiáronse oito imaxes nas categorías de ensino primario e secundario, sobre un total de trescentas cincuenta imaxes recibidas a concurso. Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Xurado e asociación agradécenlle aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación nesta primeira edición do certame. O xurado proponlle ademais a Ponte…nas Ondas! que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

As imaxes premiadas

Era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.

A lista de gañadoras é a seguinte:

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Yaiza Marina González de oliveira CEIP A Ponte (Lugo)

2º Premio: Abel González Ramilo CEIP da Cruz.Camos (Nigrán)

3º Premio: Ada Goyanes. CEP Sabarís (Baiona)


Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio: Rocío Dagraza Alonso.IES de Mos (Mos)

2º Premio : María Fernanda Fernández Gómez. IES de Valadares (Vigo)

3º Premio: Ana Romero Rodríguez. IES Terra de Turonio (Gondomar)

Accesits: Lucía Fernández Pérez IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)
Yashira Álvarez Ramírez . IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)

Premio Especial á escola que enviou o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases do Certame teñan grande relevancia polo seu contido: CEIP San Ramón de Moeche

As imaxes gañadoras e participantes poden visualizarse ao completo desde esta ligazón:
http://escolasnasondas.com/certame2019-fotografias-recibidas/

GALERÍA DE IMAXES DO EVENTO

ENTREGA PRÉMIOS 2019 - AS IMAGENS DO PATRIMÓNIO

Vídeo do evento – Resumo

Vídeo do evento – Completo

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas