Ponte... nas Ondas!

Os premios Lois Peña Novo recoñecen o labor de Ponte… nas Ondas!

En xuño de 2017, fallados os Premios da Fundación Lois Peña Novo pola normalización da lingua galega na súa XXIII edición, o xurado quixo recoñecer nesta ocasión o traballo da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! Canda PNO, foron premiados tamén a maxistrada Sandra Piñeiro e o biólogo Xurxo Mariño.

Unha grande honra ser escollidos polo traballo desenvolvido ao lado de persoas e entidades que defenden e transmiten o noso patrimonio máis prezado: a lingua. O premio é para todos os centros educativos, para o alumnado, para o profesorado e para as persoas e asociacións que fan que o noso patrimonio se manteña vivo nas voces das novas xeracións. Parabéns tamén a Xurxo Mariño e a Sandra Piñeiro por este premio.

Así o recolle a acta do xurado da Fundación Lois Peña Novo:

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! vén desenvolvendo, desde hai máis de 20 anos, un labor de transmisión e posta en valor do patrimonio inmaterial común entre Galicia e Portugal no que a lingua é o soporte da experiencia da asociación que se desenvolve tanto no ámbito cultural como educativo e social a través da radio, Internet e/ou a dinamización da cultura popular. O labor de Ponte…nas ondas! achégase a sectores sociais diversos destacándose o labor de transmisión do patrimonio realizado a partir da experiencia das comunidades de portadores que achegaron o seu coñecemento para levalo, non só as aulas, senón poñéndoo en valor coa presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués diante da UNESCO. Recentemente este organismo acreditou a Ponte…nas ondas! como ONG consultora en temas de patrimonio inmaterial, coa colaboración de prestixiosos antropólogos, filólogos e outros investigadores do social. Considera o xurado que o traballo de implicación de diversos sectores pero sobre todo da mocidade utilizando a lingua e defendendo un xeito de ser e unha cultura propia, é merecente dun recoñecemento social.