O IES Fontexería é un centro modelo Ponte… nas Ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial.

O luns 17 de novembro presentouse no IES Fontexería de Muros o libro “O Cancioneiro galego- portugués” editado pola Deputación de A Coruña, promovido por Ponte…nas ondas! e da autoría de Domingo Blanco e Carlos Nogueira, xunto co ilustrador Andrés Meixide.
A presentación desenvolveuse no Salón de Actos coa asistencia da totalidade do alumnado dos diferentes niveis e de profesorado do centro. A presentación do acto correu a cargo de Chus Abraldes, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua e contou coas intervencións de Santiago Veloso, presidente de Ponte…nas ondas! e de Domingo Blanco, un dos autores do cancioneiro.
Santiago Veloso enmarcou a presentación do Cancioneiro dentro da celebración do ano das Letras Galegas dedicadas ás cantadeiras e a literatura oral. Esta literatura oral é común coa de Portugal e chegou a outros países da lusofonía levada polas persoas portadoras, formando parte do patrimonio cultural deses países.

A peneira
“A peneira” é unha cantiga que aparece no libro recollida no concello de Ponteareas e que tamén está presente no Brasil, popularizada polo grande compositor nordestino Luiz Gonzaga co nome de “A farinhada”.
No transcurso do acto proxectouse un vídeo da experiencia dun grupo musical do Estado de Paraiba (Brasil) que participou no 10º aniversario de Ponte…nas ondas! en 2004. Este orquestra da escola de música do Beradero, promovida polo artista Chico César, na súa visita a Galicia e ao norte de Portugal, traían no seu repertorio musical nordestino esta cantiga representativa do seu patrimonio musical. Na súa estancia tiveron a ocasión de escoltar a primeira versión galega e mesmo chegaron a interpretala con membros do grupo Treixadura durante unha actuación na TVG. (Vídeo: https://youtu.be/73nJWlLPigA?si=cZeWQe47txjXbLX1)

O cancioneiro galego-portugués
Domingo Blanco destacou que estas cantigas comúns teñen a súa orixe na literatura oral da Idade Media e que chegaron até nós pola transmisión oral pois foron cantigas que non se recolleron por escrito até os séculos XVIII en Galicia e no XIX en Portugal. As afinidades nas súas letras e nas temáticas son aínda hoxe evidentes e nalgúns casos con variantes locais incorporadas aos textos. Para Domingo Blanco, esta literatura foi superando todos os filtros do tempo e as persoas portadoras mantivérona en contextos de festa, traballo ou de lecer.
A preguntas do alumnado, o autor respondeu a cuestións como “a onde chegaron estas cantigas ?”, “como xurdiu a elaboración deste cancioneiro ?” ou “cales son os temas máis tratados nas cantigas ?”, entre outras cuestións. Na presentación mostrouse o espazo QR no que pode descargarse o libro e que conta con recursos audiovisuais e láminas das ilustracións: https://pontenasondas.org/cancioneiro/

