Ponte... nas Ondas!

Proxeccións e conferencias celebran en Compostela o Mes do Patrimonio da man de Ponte… nas Ondas!

• A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, o presidente da asociación Ponte….nas ondas! (PNO!), Santiago Veloso; e o concelleiro de centros socioculturais, Xan Duro, presentaron esta mañá na sede do CCG o programa que remarca a importancia de conservar e compartir as prácticas culturais que forman parte da nosa identidade
• As actividades arrincan o vindeiro luns cunha homenaxe a dúas persoas portadoras do PCI: Luz Fandiño e o gaiteiro Manuel Miramontes ‘Bartolo’

Entre o 17 de outubro, primeiro Día internacional do Patrimonio inmaterial e o 16 de novembro, Día do Patrimonio desenvolvéranse en diferentes espazos de Compostela conferencias e proxeccións que conforman o Mes do Patrimonio organizado pola Asociación Cultural e Pedagóxica, Ponte… nas Ondas!

As actividades arrincaron o propio 17 de outubro coa inauguración, no Claustro de Fonseca, dunha mostra do Ministerio de Cultura con fotografías dos 25 bens de Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) que España ten recoñecidos na UNESCO. Ademais do flamenco, o silbo gomero e as alfombras florais do Montseny, está o modelo Ponte…nas ondas, que salvagarda o patrimonio cultural inmaterial na fronteira luso-galego mediante a creación de espazos nos que este patrimonio poida ser practicado e transmitido ás xeracións máis novas.

Actividades nos centros socioculturais

A primeira das actividades será o vindeiro luns, 28 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia. Nesta ocasión, renderase homenaxe a dúas persoas portadoras do PCI de Santiago que participaron nas actividades de Ponte.. nas Ondas! (PNO!). Os homenaxeados serán Manuel Miramontes, coñecido como “Bartolo” e recoñecido gaiteiro do barrio de San Lázaro, e Luz Fandiño, referente da tradición oral e da poesía popular galega. Ambos recibirán un recoñecemento pola súa contribución á cultura local e pola transmisión de saberes e prácticas que enriquecen a identidade da comunidade compostelá. De feito, na homenaxe actuará o grupo de gaitas Xirandaina, do que forma parte o fillo e neto de Bartolo; así como o poeta e amigo de Luz Fandiño, Peter Brea.

A programación continúa o venres, 8 de novembro, ás 19:00 horas na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, onde terá lugar a proxección do documental Florencio: o cego dos Vilares, dirixido por Pancho Álvarez. Esta obra audiovisual ofrece unha visión íntima e evocadora da figura de Florencio, un dos últimos cegos cantores de Galicia. O evento incluirá un coloquio co director, que compartirá detalles do proceso de creación do documental e reflexionará sobre a importancia de preservar e difundir estas figuras da tradición popular galega.

Actividades na sede do CCG

Na sede do Consello da Cultura Galega terán lugar dúas xornadas especiais que convidan a explorar, recoñecer e valorar o patrimonio cultural galego e a súa relación coa cultura portuguesa. Estas actividades son abertas ao público e propoñen espazos para a reflexión, a proxección e o diálogo.

A primeira das actividades terá lugar o martes, 5 de novembro, ás 17:00 horas, cunha homenaxe a Florencio de Arboiro, figura representativa da tradición afiadora galega. Esta sesión incluirá a proxección do documental “A última viaxe do afiador”, de Aitor Rei, e contará cun coloquio posterior co propio director, quen compartirá detalles do proceso creativo e a relevancia de conservar esta tradición.

O xoves, 7 de novembro, tamén ás 17:00 horas, celebrarase un coloquio dedicado ao Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) galego-portugués e á súa proxección a nivel global. Neste encontro participarán destacados expertos como Guadalupe Jiménez-Esquinas, Cristina Sánchez Carretero, X.M. González Reboredo e Álvaro Campelo, quen abordarán a importancia e os retos de preservar as tradicións compartidas entre Galicia e Portugal e a súa repercusión internacional.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas