Ponte... nas Ondas!

Santiago Veloso: “Dez anos despois é tempo de volver coa candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á Unesco”

Entrevista en Sermos Galiza.

Durante toda a xornada, “Ponte… nas ondas” conmemora esta sexta feira vinte anos dunha iniciativa pedagóxica que botou a andar un proxecto común entre centros de ensino galegos e portugueses a través da radio. Mais “Ponte… nas ondas” foi é é moito máis e da súa historia e dos seus proxectos falamos co seu impulsor, Santiago Veloso. Pódese seguir aquí a emisión en directo.

– “Ponte… nas ondas” conmemora vinte anos. Como será a xornada na que participan máis de cincuenta centros de ensino a través da radio?

Trátase dunha edición moi especial porque completamos un ciclo de vinte anos, dúas décadas nas que “Ponte… nas ondas” foi evolucionando, transformándose e adaptándose aos distintos momentos. Comezamos sendo unha experiencia de radio, logo pasamos á radio por internet e, despois, á televisión na rede e esta edición é unha mestura de todos estes formatos. Imos ter radio por ondas, con Radiofusión, por internet coa retransmisión a través de Uvigo e programas en formato podcast.

-Que “comunidade” se move arredor do proxecto?

Como educadores somos conscientes de que ás veces o importante é o proceso máis que o resultado final. Da elaboración dunha xornada de radio moitas veces interesa máis a nivel educativo o traballo previo que o do propio día da emisión. Un profesor que é sensíbel para facer radio demostra tamén que ten unha forma particular de ensinar, de entender a educación como un feito activo no que os alumnos son os protagonistas. Tamén as estrelas de “Ponte… nas ondas” son o alumnado.

-Cant@s alumn@s participan no programa de radio?

Son 54 centros educativos, escolas de primaria, secundaria, Escolas Oficiais de Idiomas e Facultades de diferentes Universidades. Tamén contamos coa colaboración de varias radios libres. Son moitos os alumnos e profesores implicados e, como noutras edicións pero neste caso de maneira especial, integrouse na experiencia o mundo da cultura, da música e da literatura. Este ano fixemos un especial fincapé na creación literaria porque pensamos que tiña que ter unha presenza clara como maneira de achegar ao alumnado ás persoas que crean de maneira directa.

-Unha das claves da iniciativa é a cooperación entre centros de ensino galegos e portugueses, como é a resposta de Portugal?

Por parte dos centros educativos, a resposta é igual que a nosa. Non en número, que son menos, mais desde o punto de vista do desenvolvemento é a mesma. O profesorado traballa de maneira voluntaria e non é unha actividade instaurada no sistema. Temos un profesorado fiel e algunhas escolas que se suman en cada edición. O feito de que a experiencia non estea regulada polo sistema educativo ás veces dificulta que haxa unha participación regular dos centros.

-Como será esa participación de escritores e escritoras da lusofonía?

Pedímoslle que achegaran a súa voz porque a radio é un medio oral. Queriamos que o alumnado coñecera aos autores cunha lectura directa da súa obra ou un saúda que os faga máis próximos. Consideramos que, igual que teñen coñecemento dos personaxes do cine ou do fútbol, tamén debían telo da literatura e contamos coa participación de escritores como Pepetela, Agustín Fernández Paz, Suso de Toro ou Rexina Veiga.

-Vinte anos convidan a facer balance, como valora a historia da iniciativa vostede que foi o seu fundador?

máis satisfactorio é desde o punto de vista educativo é o papel que tivo na renovación pedagóxica no fin do pasado século e inicios deste. Dicíanos Xosé Manuel Cid, da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense que está a dirixir unha tese sobre “Ponte… nas ondas” que para eles é un extraordinario exemplo de integración a diferentes ámbitos, nunha experiencia que conxuga educación, tics, patrimonio e medios. Que despois de vinte anos sexa un referente para investigadores da Universidade, que son os que analizan os procesos e cambios sociais, para nós é unha satisfacción. Hai aspectos máis concretos, máis agradábeis e diversos nos que tamén nos fomos embarcando, de maneira especial, na difusión do patrimonio común galego-portugués, nomeadamente o inmaterial, que non era moi tido en conta e nós quixemos poñelo en valor.

-E se tivera que destacar algúns dos feitos que serían fitos na historia destes vinte anos?

Aínda falaba estes días con Agustín Fernández Paz e dicíame que no 98 fixeramos a primeira emisión de radio por internet. Nese ano aínda ninguén emitía e que nós o fixeramos foi unha proposta que entón nos fixera Telefónica que nos deu a posibilidade de facer o primeiro streaming. Causara debate mesmo entre o propio profesorado que participaba. Ao ano seguinte, emitimos xa imaxes por internet, cunha cámara situada na Casa da Cultura de Salvaterra. Fixemos o programa “Pintando nas ondas” no que un pintor debuxaba o que lle ían indicando con chamadas en directo. Un terceiro fito foi no ano 2000 cando fixemos unha videoconferencia profesional a tres bandas, cun centro de ensino de Rio de Janeiro, outro de Maputo e unha conexión desde Salvaterra. Outro aspecto importantísimo é que a experiencia desencadea unha morea de actividades nos centros arredor dos temas que propuñamos. No curso 2001-2002 xa abordamos o tema do patrimonio inmaterial, cando a Unesco acababa de proclamar as primeiras obras mestras e nós iniciamos tamén o traballo de evidenciar o patrimonio común dun lado e do outro.

-Cara onde se dirixe o camiño de cara ao futuro?

Nin se sabe! Se nos fas esa pregunta hai vinte anos nin imaxinaríamos o presente de agora. Fíxate que no medio, naceu internet e mudou todo. “Ponte… nas ondas” foise adaptando a realidades diferentes, Agora mesmo as redes sociais supoñen unha nova forma de difundir a información e está claro que o sistema educativo vai cambiar. Neste ano queremos demostrar que hai un abano de posibilidades que ten esta experiencia e que se abren novas vías para facer proxectos. Barallamos tamén a idea de conmemorar dalgunha maneira os dez anos de “Meninos cantores” e da presentación da candidatura a patrimonio inmaterial. Pasaron dez anos e a iniciativa quedou aí pero neste camiño, o flamenco, que se presentara daquela, xa está inscrito nese sentido. Agora é unha medida administrativa. Todo o mundo é xa consciente da súa relevancia e compre a implicación das institucións. Ábrense novas liñas importantes a través da Iniciativa Paz Andrade. Aproveitando a efeméride sería interesante retomar esa iniciativa desde os centros e que a sociedade civil reclame a administración compromiso para a defensa do noso patrimonio diante da Unesco.

DEIXE UMA RESPOSTA

Por favor digite seu comentário!
Por favor, digite seu nome aqui

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas