Ponte... nas Ondas!

XVII Ponte… nas Ondas! 2011: As Bibliotecas Vivas

Unha Biblioteca Viva (Living Library) é unha biblioteca na que os libros son persoas. Persoas con singulares historias de vida ou que posúen determinados coñecementos e que difunden a súa experiencia a través da interacción, a entrevista e o diálogo cos usuarios/as. Para ser un libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade. Todos somos potenciais Libros e Lectores.

A Biblioteca Viva (BV) é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo. As persoas-libro convidn a indagar e a descubrir aspectos novidosos sobre as súas vidas, axudando a combater o descoñecemento, a ignorancia, os prexuízos e os estereotipos dunha maneira activa e vivenciada.

As BIBLIOTECAS VIVAS son un fenómeno que comeza a espaldares polo mundo a partir da súa celebración, por primeira vez, en Dinamarca no ano 2000. Dende o ano 2001 están sendo promovidas polo Consello de Europa como una ferramenta de educación intercultural.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! ve nesta iniciativa un xeito útil e novedoso de continuar coas súas propostas de recollida e divulgación do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués. A nosa asociación ten realizado con anterioridade neste eido un labor de recoñecemento das persoas portadoras do patrimonio cultural galego-portugués a través de diversas iniciativas, como o proposta de creación do sistema dos Tesouros Vivos.

Agora, queremos proporvos a realización da primeira BIBLIOTECA VIVA do patrimonio cultural galego-portugués.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! convoca:

1 – XVII XORNADA MULTIMEDIA PONTE…NAS ONDAS!

Lema: ” AS BIBLIOTECAS VIVAS “

Trátase de que cada centro aporte un ou varios LIBROS VIVOS, co seu título e coas páxinas sonoras e visuais para que se poidan divulgar na Biblioteca Virtual permanente na que se vai converter a programación da XVII edición de Ponte…nas ondas! e que estará aberta a todo mundo.

Este tema dá continuidade ás propostas realizadas nas anteriores edicións ( XV edición : O PATRIMONIO DOS TESOUROS VIVOS e XVI edición : O TESOURO DOS AVÓS ) procurando poñer en valor a cultura común galego-portuguesa.

Convidamos aos centros educativos a realizar unha produción audiovisual, quer en formato radio quer en vídeo, sobre o tema proposto para esta edición: AS BIBLIOTECAS VIVAS.

2 – V CERTAME DE RECOLLA DO PATRIMONIO ORAL

Lema:“As bibliotecas vivas: historias de vida”

Seguindo coas características fundamentais que o certame vén mantendo dende os seus comezos, queremos propor aos centros escolares galegos e portugueses seguir afondando no descubrimento e divulgación dos feitos máis importantes do noso patrimonio a través dos seus portadores, verdadeiros Tesouros Vivos, e converter en Bibliotecas Vivas as súas historias de vida e de coñecemento do noso patrimonio.

Dentro do ámbito escolar, utilizando a metodoloxía da etnografía, pretendemos que acheguedes a análise das historias de vida dos nosos portadores en distintos contextos sociais e históricos, reflexionando na relación existente entre a memoria individual e a colectiva, estratexias a seguir nunha investigación de equipo e os diferentes modos de acceso á memoria así como da influencia dos modelos culturais nese “contar a vida”.

Proximamente remitirémosvos as bases completas deste certame aínda que xa podemos adiantarvos que haberá importantes premios para os gañadores de cada categoría (primaria,secundaria,bacharelato, profesional e universitario).

Convidamos a todos os centros a que participedes nas dúas convocatorias xa que son perfectamente complementarias, e pódese aproveitar o mesmo material adaptándoo aos requerimentos de cada unha delas.

O calendario para participar será o seguinte:

Inscrición: Para efectuala haberá que enviar debidamente cumprimentada a ficha correspondente á actividade na que se quere participar ou as dúas no caso de querer participar en ambas. As fichas deberán remitirse debidamente cumprimentadas ao seguinte enderezo: ondas@pontenasondas.org
Ficha inscrición XVII Xornada Multimedia (PDF)
Ficha inscrición V Certame Recolla(PDF)
XVII Xornada Multimedia Ponte…nas ondas! o prazo de recepción dos programas rematará o día 29 de abril de 2011 xa que unha vez que está no noso poder require un gran traballo de postprodución para preparar a emisión de todos os traballos que terá lugar o día 3 de xuño.
V Certame de Recolla do Patrimonio: o prazo de recepción dos traballos rematará o día 27 de maio de 2011. O resultado do V Certame darase a coñecer en setembro de 2011.

+ info: informacion@pontenasondas.org

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas