Alumnado de Ponte…nas ondas! explica a sua experiencia no Master do Profesorado da Universidade de Vigo

Entusiasmar a unha numerosa aula da universidade parece un desafío difícil de alcanzar polos profesores que cada día se enfrontan a unha aula universitaria. Isto foi o que conseguiron os alumnos de Ponte…nas ondas! nas sesións do Master do profesorado da Universidade de Vigo.

Desde hai varios anos, a experiencia de Ponte…nas ondas! esperta o interese dos graduados da Universidade de Vigo que cursan o Master de formación do profesorado. Por este motivo veñen impartíndose sesións sobre a aplicación didáctica de Ponte…nas ondas! nas aulas como unha metodoloxía transversal ás diversas áreas do currículo formativo do alumnado.

A experiencia tense dado a coñecer a todos os participantes deste mestrado, durante os últimos anos nos distintos grupos que se forman no campus de Vigo, organizados por especialidades: Ciencias e Tecnoloxías (arredor de 60 persoas por ano), Formación profesional, FOL e Servizos á Comunidade (grupo máis numeroso, por enriba de 70 persoas), Linguas estranxeiras (por volta de 40 persoas) e Linguas oficiais (grupo de máis ou menos 25 persoas).

Ponte…nas ondas! vén desenvolvendo unha fórmula integradora e novidosa no ámbito da alfabetización multimedia desde hai máis de dúas décadas. Desde as primeiras actividades de radio escolar nos anos 90 até a actualidade dos podcasts e os vídeos por Whatsapp, diversas foron as experiencias realizadas nos centros educativos. O empoderamento do alumnado diante dos micrófonos contribúe a desenvolver as competencias básicas e a mellorar a súa formación integral. O traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués é un dos labores que as escolas desenvolven impulsados por diferentes iniciativas lanzadas desde Ponte…nas ondas! como os Certames de recolla ou os concursos sobre as imaxes do patrimonio, entre outras.

PNO! vén desenvolvendo unha fórmula integradora e novidosa no ámbito da alfabetización multimedia desde hai máis de dúas décadas.

Nesta ocasión foi o alumnado do IES Terra de Turonio de Gondomar quen se achegou á Facultade de Bioloxía para explicarlle aos futuros docentes o seu traballo nas ondas. Unha experiencia que se desenvolve no seu instituto, un dos centros de Ponte…nas ondas!, realizando emisións en directo a través de Internet, elaborando podcasts de diversas temáticas e difundindo vídeos e audios a través das redes sociais e Whatsapp.

Marcos Crussat de 2º ESO, Carlos Enrique Pérez e Claudia Comesaña de 3º ESO participan na sesión divulgativa de Ponte…nas ondas! non só expondo as súas experiencias diante dos micrófonos senón exercendo de entrevistadores coa aula de graduados con quen intercambian impresións sobre a actividade de Ponte…nas ondas!

Nas dúas sesións impartidas encontrábanse graduados que pasaran por Ponte…nas ondas! e mesmo ex-alumnos do IES Terra de Turonio, que tamén lembraron o seu paso polas ondas nos anos de Instituto, dando unha perspectiva histórica dunha experiencia que se mantén no tempo pola súa forma alternativa de motivar ao alumnado, mediante a conexión coa contorna próxima do seu concello e comarca, e coa contorna veciña do Norte de Portugal, seguindo os consellos da mellor pedagoxía intercultural e interxeracional, levados á práctica dun xeito maxistral.

A exposición do proxecto de Ponte…nas ondas! contemplou diversas proxeccións onde se mostrou o traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués ao longo destes 23 anos. Esta abordaxe do patrimonio común a través da radio e das novas tecnoloxías espertou o interese dos graduados que se interesaron por actividades como os encontros de xogos tradicionais, os tesouros humanos vivos ou as recollas de patrimonio inmaterial realizadas desde as escolas.

Tamén se mostraron as publicacións de Ponte…nas ondas! nn formato libro e audiovisual como Meniños Cantores, Cores do Atlántico ou Na ponte.

A experiencia para os estudantes de ESO foi irrepetible, pero tamén mantivo o interese dos futuros profesores das diferentes especialidades do ensino secundario, interese que se amosa na elección dos traballos de avaliación do módulo de Sistema Educativo e Educación en Valores. Ante a posibilidade de elixir entre tres posibles lecturas, a maioría elixe o traballo relativo a Ponte…nas ondas! e a posta en valor da cultura popular e o patrimonio, realizando comentarios orixinais e moi reflexivos con achegas interesantes para o futuro do proxecto.

NO FLICKR DE PNO

Alumnado de Ponte...nas ondas! no Master do Profesorado da Universidade de Vigo

NO YOUTUBE

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here