As Imaxes do Patrimonio

As fotografías gardan unha parte da memoria e das historias de vida que as persoas e as comunidades desenvolven nun espazo e nun territorio ao longo de varias décadas. Accedendo a estes arquivos de imaxes podemos revivir unha parte significativa das manifestacións culturais que xa desapareceron e tamén comprender as que aínda permanecen.

Implicar nesta tarefa aos centros educativos, ás familias e ás comunidades de portadores é un dos obxectivos do certame AS IMAXES DO PATRIMONIO. Trátase de rescatar expresións e manifestacións dos contidos inmateriais da cultura que hoxe son patrimonio común. As fotografías en branco e negro ( antes da chegada da cor ) ilustran un período no que os coñecementos, as técnicas, as formas de organización e as expresións colectivas estaban aínda depositados nas persoas e nas comunidades conformando unha forma de ser e estar no mundo. As prácticas da vida cotiá presentan situacións e accións que quedaron impresas nas imaxes en branco e negro que cada persoa, cada familia, garda como un pasado íntimo e privado. As vivencias de cada familia forman parte de emocións colectivas que teñen o seu punto de encontro na celebracións festivas ou nas tarefas compartidas. Esta herdanza de xeracións anteriores recoñecémola como un patrimonio que conservamos e que revivimos en cada visionado das imaxes. Unha visión que nos relaciona co pasado que nos conduciu ao presente con manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva .

“A cultura que denominamos inmaterial é a cultura vivida, a que está asociada indisolublemente a actividade das persoas e das comunidades”.

As imaxes permiten coñecer elementos e vivencias concretas para constatar desde o presente o valor que cumpriron e seguen a cumprir.
E cales son eses elementos e vivencias que están en branco e negro?

Poderíamos citar unha longa lista de situacións que no territorio da Gallaecia se desenvolveron diante dos primeiros lentes fotográficos muitas veces recollidas por ollares foráneos que captaron instantáneas de rostros aínda sorprendidos por ter diante unha cámara. Desde as primeiras fotos de estudio pasando polas fotos de exterior, se facemos un breve percurso polo arquivo fotográfico das familias podemos ter unha perfil socioeconómico dos últimos 150 anos cando menos. Desde as épocas nas que os maiores eran os encargados de transmitir os saberes aos demais, nas que os avós e os pais socializaban aos nenos e as avoas e as nais ás nenas, separadamente. E hai imaxes desta transmisión esparexidas a eito onde aparecen os máis pequenos compartindo situacións domésticas como a matanza do porco, o lavado da roupa, os labores agro-gandeiros ou as festas e celebracións.

Se consideramos estes ámbitos representativos do patrimonio inmaterial galego-portugués, teremos unha referencia máis específica para encontrar esas imaxes no acervo fotográfico das familias:
1. As expresións orais: A oralidade é a expresión que identifica claramente aos seres humanos. Situacións de fala, de conversas, de cantos, de contos, de discursos, de escoitas…
2. Os saberes e os oficios : Como se poda a viña ? Como se conservan as carnes ? Como se plantan os legumes ? Como fai as olas o alfareiro?
3. A cultura agro-marítima: Como cultivamos a terra ? Como facemos o viño ? As técnicas de pesca artesanais, a fabricación dos barcos, a confección das redes, as conservas…
4. O calendario festivo anual: As festas do nadal, o Entroido, os maios, as romarías, os magostos, a vendima…

AS IMAXES DO PATRIMONIO permanecen gardadas na memoria das familias. Para que as novas xeracións coñezan o pasado máis cercano e próximo aos seus afectos, para darlle unha nova vitalidade a experiencias que formaron parte do modo de vida das xeracións dos nosos devanceiros, traiamos as vellas fotografías ao presente e démoslle un enfoque educativo co alumnado nas aulas para coñecer mellor quen somos e de onde vimos.

+ INFO:
http://escolasnasondas.com/certame-de-recolla-das-imaxes-do-patrimonio-cultural-inmaterialgalego-portugues/

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here