Consenso das ONGs ibéricas en prol da coordinación para a salvagarda do patrimonio inmaterial

  • PNO intercambia experiencias no encontro de asociacións acreditadas polo UNESCO en Barcelona
  • Os colectivos destacan a necesidade de mellorar o diálogo das administracións e as ONGs en prol da protección do patrimonio inmaterial que demanda medidas máis urxentes
  • As asociacións debateron ideas sobre investigación, divulgación e relacións diplomáticas.

A necesidade de coordinación de esforzos entre todos os colectivos acreditados pola UNESCO como entidades consultoras da institución, foi eixo dos diferentes debates e reflexións que tiveron lugar a pasada fin de semana en Barcelona, durante o Encontro ibérico de ONGs consultoras da UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial, ao que acudiu Ponte…nas ondas!, a única das entidades participantes que ten carácter transnacional e desenvolve o seu traballo en dous países. Na benvida aos colectivos, Rosa María Provencio, presidenta da confederación cultural catalá organizadora, o Ens de l’Associacionisme Cultural Català, subliñou a importancia de que a sociedade civil se organice para aplicar as medidas contempladas na Convención para a Salvagarda da UNESCO.

Proxectos de educación, turismo sostible e de calidade, musealizacións, etc foron algunhas das iniciativas que se comentaron durante a apertura do foro, onde as ONGs trocaram experiencias e amosaron a variedade de ámbitos de actuación que abranguen no seu traballo en relación ao patrimonio cultural inmaterial. Posteriormente, debateuse sobre a orientación futura que se prevé para o ICH NGO Forum (Foro de entidades acreditadas para a Convención para a Salvagarda do PCI) e sobre os seus mecanismos de coordinación interna. Entre outras cuestións, expúxose a necesidade de mellorar os mecanismos de coordinación entre os Estados e as asociacións na protección do patrimonio inmaterial que necesita medidas urxentes de salvagarda.

A importancia da divulgación

Baixo a máxima de que “se non se coñece, non existe”, o segundo treito da xornada conxunta dos colectivos afondou nas experiencias de divulgación. Algunhas das cuestións analizadas: Como introducir o amor polo patrimonio autóctono nos centros de ensino; Que facer para difundir o patrimonio de xeito atractivo a capas extensas da poboación; Que facer para potenciar o valor identitario das expresión autóctonas entre as comunidades practicantes, como colaborar e incidir co mundo da comunicación ou que novos formatos usar para a difusión do patrimonio inmaterial.

Diversidade de ámbitos e experiencias

Respecto da pluralidade de propostas que se viron no foro dos colectivos, así o expresaba a propia nota oficial do Ens catalá:
“Nun equipo de fútbol, tan importante é a seguridade que consiga transmitir un defensa central, como o control do xogo dun centrocampista e a ousadía dun dianteiro centro. Todas as posicións e todas as funcións son necesarias para acadar o éxito desexado. Do mesmo xeito, a dinamización do patrimonio cultural inmaterial require de diferentes roles e responsabilidades. Se queremos marcar un gol, é dicir, se queremos conseguir salvagardar as expresións culturais contra o embate da globalización, temos que coordinar as medidas de salvagarda que aplicamos en diferentes ámbitos. É imprescindible saber discernir os bloques de actuación concretos para podermos optar á vitoria”.

Ademais de Ponte…nas ondas!, asistiron ao Encontro desde Portugal o Centro em Rede de Investigaçao em Antropologia (CRIA), a Fundaçao INATEL e a Memória Imaterial Cooperativa Cultural. E do resto do Estado español participaron a Associació d’Estudis Fallers, o Centro de Estudios Borjanos “Fernando el Católico”, o Centro UNESCO de la Ciudad Autónoma de Melilla, o Centro UNESCO de San Sebastián, a Coordinadora de Colles Castelleres de Catalunya, a International Association of Paremiology e UNESCO Etxea: Centro UNESCO de Euskal Herria.

Compartir

1 Comentario

  1. […] O traballo conxunto das asociacións comezou o pasado mes de maio, logo dunha primeira xuntanza organizada polo Ente do Asociacionismo Cultural Catalán, ONG anfitrioa do que foi o primeiro encontro dos colectivos. Nesa reunión inicial buscábase tecer redes de colaboración entre as diferentes entidades que traballan co patrimonio, intercambiando experiencias e coñecementos. A necesidade de coordinación de esforzos entre todos os colectivos acreditados pola UNESCO como entidades consultoras da institución, foi eixo dos diferentes debates e reflexións que tiveron lugar. […]

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here