Ponte... nas Ondas!

Consenso das ONGs ibéricas en prol da coordinación para a salvagarda do patrimonio inmaterial

  • PNO intercambia experiencias no encontro de asociacións acreditadas polo UNESCO en Barcelona
  • Os colectivos destacan a necesidade de mellorar o diálogo das administracións e as ONGs en prol da protección do patrimonio inmaterial que demanda medidas máis urxentes
  • As asociacións debateron ideas sobre investigación, divulgación e relacións diplomáticas.

A necesidade de coordinación de esforzos entre todos os colectivos acreditados pola UNESCO como entidades consultoras da institución, foi eixo dos diferentes debates e reflexións que tiveron lugar a pasada fin de semana en Barcelona, durante o Encontro ibérico de ONGs consultoras da UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial, ao que acudiu Ponte…nas ondas!, a única das entidades participantes que ten carácter transnacional e desenvolve o seu traballo en dous países. Na benvida aos colectivos, Rosa María Provencio, presidenta da confederación cultural catalá organizadora, o Ens de l’Associacionisme Cultural Català, subliñou a importancia de que a sociedade civil se organice para aplicar as medidas contempladas na Convención para a Salvagarda da UNESCO.

Proxectos de educación, turismo sostible e de calidade, musealizacións, etc foron algunhas das iniciativas que se comentaron durante a apertura do foro, onde as ONGs trocaram experiencias e amosaron a variedade de ámbitos de actuación que abranguen no seu traballo en relación ao patrimonio cultural inmaterial. Posteriormente, debateuse sobre a orientación futura que se prevé para o ICH NGO Forum (Foro de entidades acreditadas para a Convención para a Salvagarda do PCI) e sobre os seus mecanismos de coordinación interna. Entre outras cuestións, expúxose a necesidade de mellorar os mecanismos de coordinación entre os Estados e as asociacións na protección do patrimonio inmaterial que necesita medidas urxentes de salvagarda.

A importancia da divulgación

Baixo a máxima de que «se non se coñece, non existe», o segundo treito da xornada conxunta dos colectivos afondou nas experiencias de divulgación. Algunhas das cuestións analizadas: Como introducir o amor polo patrimonio autóctono nos centros de ensino; Que facer para difundir o patrimonio de xeito atractivo a capas extensas da poboación; Que facer para potenciar o valor identitario das expresión autóctonas entre as comunidades practicantes, como colaborar e incidir co mundo da comunicación ou que novos formatos usar para a difusión do patrimonio inmaterial.

Diversidade de ámbitos e experiencias

Respecto da pluralidade de propostas que se viron no foro dos colectivos, así o expresaba a propia nota oficial do Ens catalá:
«Nun equipo de fútbol, tan importante é a seguridade que consiga transmitir un defensa central, como o control do xogo dun centrocampista e a ousadía dun dianteiro centro. Todas as posicións e todas as funcións son necesarias para acadar o éxito desexado. Do mesmo xeito, a dinamización do patrimonio cultural inmaterial require de diferentes roles e responsabilidades. Se queremos marcar un gol, é dicir, se queremos conseguir salvagardar as expresións culturais contra o embate da globalización, temos que coordinar as medidas de salvagarda que aplicamos en diferentes ámbitos. É imprescindible saber discernir os bloques de actuación concretos para podermos optar á vitoria».

Ademais de Ponte…nas ondas!, asistiron ao Encontro desde Portugal o Centro em Rede de Investigaçao em Antropologia (CRIA), a Fundaçao INATEL e a Memória Imaterial Cooperativa Cultural. E do resto do Estado español participaron a Associació d’Estudis Fallers, o Centro de Estudios Borjanos “Fernando el Católico”, o Centro UNESCO de la Ciudad Autónoma de Melilla, o Centro UNESCO de San Sebastián, a Coordinadora de Colles Castelleres de Catalunya, a International Association of Paremiology e UNESCO Etxea: Centro UNESCO de Euskal Herria.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas