- Aulas dos concellos de Lugo, Nigrán, Baiona, Mos, Vigo, Gondomar, Salceda de Caselas e Moeche resultaron gañadoras do concurso
- Escolas de toda Galicia participaron na recollida de imaxes significativas do patrimonio inmaterial
- As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués
O Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acolleu este luns 25 de novembro o acto de entrega de premios do 2º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Foi nun evento conducido polo narrador e poeta Lois Pérez, que abriu o acto cun emotivo recordo da súa propia infancia e avoa, ilustrado con imaxes do seu arquivo familiar. «A min gustábame ir á escola», dicíalle a súa avoa, «pero ás veces non podíamos porque tiñamos que ir coas vacas». Posteriormente, o alumnado premiado fixo lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas (Textos que poden atoparse aquí: http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/ ). A continuación, escoitaron un poema recitado por Lois Pérez acompañado dos acordes dunha guitarra elaborada con material reciclado. E a festa concluíu cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma, quen puxo en pé a un auditorio entregado coas súas animadas pezas musicais.
Unha voda nos anos 50, no tempo onde os casamentos non celebraban no restaurante senón, moitas veces, na palleira; a desaparecida profesión dos tranviarios; familias gozando da festa da empanada; un dos primeiros trens de mercancías que pasou polo Porriño tirado por touras; repartimento de pan co burro Juanito en tempos de racionamento; o primeiro barco que chegou a Vigo despois da Guerra Civil traendo familias da emigración… Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no II Certame de Fotografía ‘Imaxes do Patrimonio’ convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!
O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas. En total premiáronse oito imaxes nas categorías de ensino primario e secundario, sobre un total de trescentas cincuenta imaxes recibidas a concurso. Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Xurado e asociación agradécenlle aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación nesta primeira edición do certame. O xurado proponlle ademais a Ponte…nas Ondas! que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.
As imaxes premiadas
Era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
A lista de gañadoras é a seguinte:
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Yaiza Marina González de oliveira CEIP A Ponte (Lugo)
2º Premio: Abel González Ramilo CEIP da Cruz.Camos (Nigrán)
3º Premio: Ada Goyanes. CEP Sabarís (Baiona)
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Rocío Dagraza Alonso.IES de Mos (Mos)
2º Premio : María Fernanda Fernández Gómez. IES de Valadares (Vigo)
3º Premio: Ana Romero Rodríguez. IES Terra de Turonio (Gondomar)
Accesits: Lucía Fernández Pérez IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)
Yashira Álvarez Ramírez . IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)
Premio Especial á escola que enviou o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases do Certame teñan grande relevancia polo seu contido: CEIP San Ramón de Moeche
As imaxes gañadoras e participantes poden visualizarse ao completo desde esta ligazón:
http://escolasnasondas.com/certame2019-fotografias-recibidas/
GALERÍA DE IMAXES DO EVENTO
Vídeo do evento – Resumo
Vídeo do evento – Completo