Ponte... nas Ondas!

Manifesto Radios Escolares

MANIFESTO DAS RADIOS ESCOLARES

O papel das tecnoloxías da información e comunicación é cada vez máis sobranceiro nas sociedades modernas acadando grandes cotas de presenza na vida das persoas.

A escola, como centro de educación e preparación dos nosos alumnos e alumnas para a súa rota vital, non debe ser allea a esta realidade e debe ter o compromiso de incluír nas súas prioridades a formación das novas xeracións como cidadáns con espíritu critico e valores democráticos dunha sociedade moderna.

 

Pola súa sinxeleza técnica e potencia pedagóxica a radio pode ocupar unha importante posición como medio dinamizador nos centros educativos, desenvolvendo as capacidades comunicativas e imaxinativas do alumnado e favorecendo a adquisición das competencias básicas mediante unha metodoloxía activa e participativa.

No século da sociedade da información, a escola debe formar cidadáns capaces de comunicar e comunicarse de forma autónoma e con espíritu crítico.

A radio na escola constitúe unha valiosa ferramenta para o desenvolvemento da expresión oral e da re-transmisión dos traballos do alumnado. Unha ponte necesaria entre a escola e a sociedade.

As radios escolares comezaron a implantarse en Galicia e no Norte de Portugal a comezos dos anos 90. Do mesmo xeito, en America Latina proliferaron diversas modalidades de radios educativas e comunitarias. Desde entón, diversas foron as actividades e experiencias realizadas por cada unha delas sendo unha das máis importantes a participación ano a ano no programa de Radio Interescolar Ponte…nas ondas!

Por todo isto a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! e a Asociación Internacional de Radios Educativas ( AIRE ), representando ás escolas que traballamos coa Radio Escolar e uníndonos ao chamamento da UNESCO para celebrar o Día Mundial da Radio,

MANIFESTAMOS:

1. Que as voces dos nosos xoves teñen dereito a expresarse nun medio de comunicación directo, simple e actual.

2. Que un dos obxectivos da radio escolar é educar aos mozos e mozas en valores como a tolerancia, a solidariedade, a igualdade e a colaboración a través do seu uso activo.

3. Que as nosas voces precisan ter unha canle de difusión, facilitada pola administración, para poder establecer pontes coas nosas emisións, coas nosas familias e con outras realidades.

4. Que as distintas administracións educativas deberían fomentar a implantación e desenvolvemento das radios escolares como xeito doado de envolver aos nosos mozos e mozas en todas as fases de creación e produción nun medio de comunicación. Para iso, cremos imprescindible que a administración cree un canal de radio exclusivo para as radios escolares.

5. Que a radio escolar constitúe a más eficaz ferramenta para a conformación das competencias comunicativas dos futuros cidadáns.

E para que as boas ondas cheguen por AIRE aos mellores oídos, así o proclamamos no DÍA MUNDIAL DA RADIO o 13 de febreiro de 2014.

Se queres, podes asinar este manifesto, podes facelo debaixo deste texto, ou nas redes sociais de cada unha das entidades participantes:

AIRE http://www.radioseducativas.webnode.com/

Facebook https://www.facebook.com/pontenasondas

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas