- A asociación asina un memorando de colaboración coa Câmara Municipal de Valença e o Agrupamento Europeu de Cooperação Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho)
- Logo de ser elixida dentro do programa LIVHES-SUDOE como experiencia de boas prácticas representativa da Eurorrexión, a sinatura de PNO! deste memorando é un primeiro paso para a creación do Centro do patrimonio inmaterial galego-portugués, unha proposta de Ponte…nas ondas!
A procura de PNO! dun espazo físico que funcione como Centro de Patrimonio Cultural Inmaterial Transfronteirizo está máis cerca despois do acordo asinado esta semana no ámbito do proxecto Livhes-Sudoe.
No marco deste Proxecto Livhes, cofinanciado polo programa Interreg.Sudoe 2014-2020, a Câmara Municipal de Valença, o Agrupamento Europeu de Cooperação Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! asinaron un protocolo de colaboración para o desenvolvemento de accións de preservación do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).
PNO! propuxo un espazo con funcións de repositorio cultural, destinado a patrimonio cultural inmaterial galego-portugués denominado o Centro do Patrimonio. – Centro PCI. O obxectivo é a creación dun espazo vivo, máis aló dun museo tradicional, con exposicións, proxeccións, palestras etc.
Segundo os compromisos asinados, a CM Valença cederá a PNO! un espazo a definir no Concello para a instalación do repositorio cultural do PCI transfronteirizo. A CM Valença comprométese tamén a contribuír á valorización deste repositorio cultural nos próximos anos. Este centro PCI abranguerá un espazo de documentación e actividades (oficinas, concertos, palestras, exposicións temporais etc) e terá tamén unha exposición permanente arredor de cinco áreas temáticas: tradicións orais, contos e lendas, cultura marítimo-fluvial, cultura agraria e ciclo festivo anual. Establecerá ademais sinerxias con outros proxectos museolóxicos do territorio transfronteirizo. Pola súa banda, a AECT Rio Minho realizará a plataforma dixital do centro PCI, iniciativa para a que contará coa colaboración a nivel de contidos de PNO!.