• O Concello de Santiago de Compostela, apoia o labor desenvolvido pola Asociación Cultural e Pedagóxica.
• O acordo municipal vaille ser trasladado á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.
• PNO! suma así un novo recoñecemento e apoio cando falta pouco para coñecer a súa inscrición no rexistro das boas prácticas do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO.
“O modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) que a UNESCO vai avaliar suporá un recoñecemento a unha iniciativa nacida no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que será referente mundial para a salvagarda do PCI, a primeira inscrición neste Rexistro para Portugal e para Galicia”. Así o asinan este xoves 27 de outubro os grupos municipais de PSdeG-PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG, na moción conxunta de apoio á candidatura da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! ao rexistro de boas prácticas co PCI da UNESCO.
O documento destaca a traxectoria desenvolvida por Ponte…nas ondas! ao longo dos seus 27 anos e os diferentes recoñecementos outorgados por parte de institucións e entidades diversas e os numerosos premios recibidos, como o Galicia de Comunicación, o Premio Ondas ou o Premio Lois Peña Novo. Recorda ademais que xa desde 2015, PNO! é a única ONG acreditada en Galicia pola UNESCO para o PCI.
Os grupos municipais composteláns tamén quixeron subliñar o labor de identificación do conxunto do patrimonio común galego-portugués, por riba das fronteiras administrativas, levando o patrimonio cultural inmaterial ás aulas da Eurorrexión a través da práctica radiofónica e integrando ás persoas e comunidades portadoras do PCI nos programas de radio, no audiovisual e nas redes sociais, poñéndoo en valor e garantindo o seu coñecemento e a súa transmisión interxeracional e a súa preservación.
Documento completo da moción de apoio a PNO! no Concello de Santiago de Compostela