Ponte... nas Ondas!

“A lingua é a nosa ponte”

• Ponte… nas Ondas! recolleu este mércores no mosteiro de Santa Clara, en Pontevedra, o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua.
• A asociación aproveita para darlle os parabéns a toda a comunidade educativa e a todas as amigas e amigos de PNO! que fixeron posible este novo recoñecemento.

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2023 anunciaba o pasado mes de outubro de 2023 o outorgamento dos recoñecementos desta edición, en palabras do xurado, a distinción un ano máis á “excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia”.

Na categoría de Lingua, o xurado decidiu recoñecer este ano a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! Entre outros, destacáronse as iniciativas transfronteirizas de intercambio lingüístico promovidas en escolas da Eurorrexión, a promoción da identidade común dos pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea no mundo lusófono, a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común a galegos e portugueses e o recente recoñecemento pola UNESCO como “modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial).”

No acto de entrega por parte do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o presidente da asociación, Santiago Veloso lembrou a toda a mocidade que pasa por Ponte…nas ondas! construíndo e tecendo redes co patrimonio inmaterial galego-portugués.

Tamén fixo referencia ao modelo “Ponte…nas ondas! que a UNESCO inscribiu e que a Xunta de Galicia vén de implantar no ensino formal. A integración do Patrimonio Cultural Inmaterial no sistema educativo é unha das liñas prioritarias de salvagarda e transmisión que desde o organismo internacional se está a promover.

A asociación mantén aberto estes días o prazo de recepción de traballos das emisoras radiofónicas das escolas galegas e portuguesas para o próximo Día Mundial da Radio, a celebrar o 13 de febreiro, cadrando este ano co entroido, unha das manifestacións do patrimonio inmaterial galego-portugués.

Tamén permanece aberta unha nova edición do certame “As imaxes do patrimonio”, unha actividade que involucra a familia e escolas e que promove a recuperación e posta en valor de fotografías para que poidan ser usadas no ámbito escolar, pola carga didáctica que atesouran, e para seren coñecidas polo público en xeral. No presente curso escolar 2023/2024, unha vintena de centros educativos de toda Galicia incorporáronse ademais, nunha primeira fase experimental, ao modelo de educación patrimonial Ponte… nas ondas!, recoñecido pola Unesco en 2022.

Por outro lado, PNO! promove a creación dun centro de referencia do patrimonio inmaterial galego-portugués no edificio da alfândega de Valença do Minho que a Câmara Municipal de Valença cedeu para esta iniciativa.

Premio da Cultura Galega 2023

Premios da Cultura Galega 2023 – Todos os Premiados

Categoría

Premiado/a

Letras

Yolanda Castaño

Artes Visuais

Museo do Gravado á Estampa Dixital

Artes Escénicas

PistaCatro

Música

Banda de Música Unión de Guláns

Audiovisual

Portocabo

Lingua

Ponte… nas Ondas!

Patrimonio Cultural

Eduardo Pardo de Guevara

Proxección Exterior

Cursos de verán Galego sen fronteiras

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas