Na 19ª Convención sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial celebrada en Paraguai
A UNESCO quere darlle maior visibilidade ao Rexistro das boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) e para iso vai crear unha plataforma dixital onde se destaquen aquelas iniciativas que mellor contribúan á preservación do PCI. Entre elas está o “modelo Ponte…nas ondas!” inscrito en 2022 no marco da 18ª convención celebrada en Rabat.
Ponte…nas ondas! foi contactada este outono, como ONG consultora (a única entidade acreditada en Galicia) para incluír información das súas prácticas e divulgalas no marco da 19ª convención que se celebrou en Asunción (Paraguai) este mes de decembro.
Nesta última Convención, a UNESCO subliñou a intención de priorizar a iniciativa xurdida en 2022, onde se aprobaran as conclusións dun grupo de expertos que recomendaban a creación dunha plataforma en liña para o intercambio de boas experiencias en materia de salvagarda, e os medios que deben aplicarse para que sexa plenamente operativa.
A nova plataforma poderá converterse nunha ferramenta innovadora e eficaz cando estea plenamente operativa, cun espazo dixital para presentar recursos web pertinentes (imaxes, vídeos, audios, gráficos) de boas prácticas. Segundo o secretariado, “esta vai ser a iniciativa fundamental para o futuro da Convención”.
Co fin de establecer un grupo piloto de boas experiencias que se presentarán na plataforma, actualmente a UNESCO está levando a cabo un proceso de mapeo das experiencias de salvagarda existentes. Estas experiencias proceden do propio Rexistro das boas prácticas xa inscritas como tamén das ONG acreditadas para o PCI pola propia UNESCO.
A plataforma lanzará unha versión «demo» no segundo semestre de 2025 para presentar, con carácter experimental, o grupo piloto de boas experiencias de salvagarda. Este lanzamento coincidirá coa celebración do 30 aniversario de Ponte…nas ondas!, que se desenvolverá ao longo do ano 2025 con diversas actividades.
O modelo Ponte…nas ondas! co patrimonio vivo cumpre 30 anos
Desde o ano 1995 PNO! leva desenvolvidas diversas actividades para salvagardar e transmitir o patrimonio vivo, o das persoas, ás novas xeracións, no ámbito educativo. Unha das últimas accións son os obradoiros “Falamos nas ondas” nos que o alumnado aprende as técnicas de expresión oral e radiofónicas xunto coas expresións do patrimonio musical galego-portugués. Os obradoiros foron patrocinados pola Deputación de Pontevedra e dada a boa acollida e a demanda nos centros educativos estenderanse ao resto de Galicia.
O Certame “As imaxes do patrimonio” vén de entregar os premios da 7ª edición e xa están publicadas as bases para a 8ª edición. Neste Certame participan centros educativos de toda a Eurorrexión e o alumnado escolle as fotografías dos álbumes familiares para contar nun texto, escrito ou oral, o patrimonio inmaterial asociado á imaxe.
Segundo a UNESCO, “cando os alumnos están motivados, obteñen mellores resultados. Vivir o patrimonio fai que a aprendizaxe sexa máis interesante, máis significativa e máis motivadora para o alumnado. É gratificante mellorar a calidade da educación ao tempo que se contribúe a algo máis amplo, como salvagardar o noso patrimonio vivo”. Estas son algunhas das conclusión do taller “Integración do patrimonio cultural inmaterial na educación escolar. Leccións aprendidas do proxecto piloto UNESCO-UE”.
A Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial de 2003 recoñece o importante papel que desempeña a educación no recoñecemento, o respecto e a valorización do patrimonio vivo na sociedade. A transmisión do patrimonio cultural inmaterial a través da educación formal e non formal é unha das medidas de salvagarda propostas a escala nacional. O ensino e a aprendizaxe sobre o patrimonio vivo nas escolas primarias e secundarias tamén contribúen á consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 4 Educación de calidade, en particular a meta 4.7, que recomenda «apreciar a diversidade cultural e ea contribución da cultura ao desenvolvemento sostible».