Ponte... nas Ondas!

Celebración do Día dos Medios en Galego

Este sábado 20 de marzo a Asociación de Medios en Galego celebrou o Día dos Medios en Galego. Fíxoo co programa “Moito que sachar” en formato Late Night, presentado polo actor mazaricán Federico Pérez Rey.

A Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón, convertiuse nun plató de televisión para acoller este Late Night acompañado da música de Iván Barreiro, á guitarra; Carlos Arévalo, á batería; e Ale Casquero aos teclados.

Fede abriu o programa cun simpático monólogo no que se atreveu mesmo a reescribir a historia do nacemento de Galicia da man dun Breogán capataz de obras nas pirámides de Exipto de permiso pola nosa terra.

O primeiro invitado, trala benvida ofrfecida polo anfitrión Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, que ademais dse facer referencia á ”concentración parcelaria das lingua” que contaba Fede, recoñeceu que “queda moito por facer nesta lingua, pero temos que gabarnos de que somos a única lingua cooficial no estado español que é maioritaria”. En calquera caso, refrendou a necesidade de “afianzala, nesta nova Galicia, hai que colocala nos novos tempos e nos novos medios, e aí os medios en galego teñen moito que dicir”.

A responsable da área de Normalización e Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, resumíu brevemente a labor das deputacións para “contribuir a avanzar no escenario da normalizaciín da nosa lingua, en colaboración das administracións locais, e as entidades sociais e culturais: Escoitar, estar atentas e colaborar.” Declarouse seguidora “habitual dos medios en galego, por convicción, porque as linguas están feitas polas persoas, e os relatos son feitos dende aquí”.

Unha das grandes intervencións foi protagonizada pola mesma “Lingua Galega”. Lidia Veiga representou á lingua nai con moita retranca, dando conta da necesidade de sachar, por exemplo, abrindo a posibilidade de emitir en “tiktok” pol@s xornalist@s galeg@s. Deixou claro que segue estando “enferma” en innumerables sectores, como o xudicial e mesmo mediático.

O acto serviu para a presentación oficial do proxecto agora.gal, un agregador e distribuidor de contidos dixitais en galego. Unha nova proposta de comunicación en galego que fundirá nunha única plataforma unha manchea de xornais e revistas do país, que estará en breve na rede dentro de moi pouco.

Pechou a serie de intervencións Pablo García Chichas, xornalista de Radio Estrada e representante da AMEGA, que xa apuntou que a entidade xa é socia protectora na Casa de Rosalía. “O xornalismo en galego é cada vez máis necesario, medios veraces, plurais… que exercemos de servizo público gracias á nosa versión bidireccional da nosa comunicación”, expresou. “Quen conta a cantidade de empresas que se marchan fóra de Galicia? Os medios en galego! Agora estamos en Madrid todo o día, pero que pasa cos traballadores de Alcoa, que pasa co Consorcio, que pasa coa deputación de Ourense?”, preguntouse Pablo, focalizando na “utilidade” da nosa lingua para contar o que pasa no país.

O programa foi emitido por streaming (ou “polo rego”, como propón Fede en clave de normalizar as novas tecnoloxías na nosa lingua) a través das canles de AMEGA (Youtube: https://youtu.be/7pEgX7kkeZc; @mediosengalego en Facebook e @AMEGAOficial en Twitch), e ademais será retransmitido o domingo ás 21:30 en NósTv (no 119 de R) e o luns ás 18:00h nas radios municipais galegas da rede Radiofusión.

A cita foi unha festa para os máis de 140 medios que a día de hoxe comunicamos na nosa lingua activos este marzo 2021.

O evento, no que colabora a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Departamento de Normalización da Deputación da Coruña, estaba formulado para emitir o 7 de febreiro (a data oficial aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, en memoria da publicación do primeiro medio de comunicación en galego, O Tío Marcos d’A Portela en 1876) que se adiou ata hoxe polas restricións sanitarias.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Día Internacional do Patrimonio Inmaterial 2024
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas