Escolas galegas e portuguesas reúnen centos de estampas do patrimonio

  • Aulas dos concellos de Baiona, Santiago de Compostela e Vigo, en Galicia, ou de Vila Nova de Famalicão, Paredes e Valença do Minho, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
  • Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culmina co outorgamento dos premios este 16 de novembro no Día Internacional do Patrimonio Mundial
  • As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués

Emigrantes traballando en campos franceses en tempos da primeira guerra mundial, unha tradición festiva con traxes rexionais nos anos 60, exemplo de xogos e xoguetes a mediados do século pasado, unha praza de abastos dos anos 50, o arado en familia dun campo nos anos 60, unha romaría a xeito de botellón da mocidade de hai tres cuartos de século, ou unha foto nos álbumes de moitas familias galegas: a da filla nacida cando xa o pai estaba emigrado que, a xeito de postal, chega á outra beira do océano cunhas letras de agarimo no reverso.

Son algunhas das estampas extraordinarias que foron premiadas no III Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Toda unha viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte… nas Ondas!

O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e, Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. O fallo do xurado faise público coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial.

Traballando co patrimonio inmaterial nas aulas

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, con longa traxectoria de 25 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, aproveita este 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio Mundial, para poñerlle o ramo ao traballo que durante os meses pasados levaron a cabo ducias de escolas que atenderon á proposta da terceira edición do Certame de Fotografía ‘As imaxes do Patrimonio’, convocado polo colectivo.

A iniciativa parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.

Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.

As premiadas

Preme aquí para ver a acta do xurado e as fotos premiadas na III edición: http://pontenasondas.org/iii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
Edicións anteriores

E aquí as gañadoras da I e da II edición (tamén o acceso ao arquivo completo das imaxes participantes nas edicións anteriores)
http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-xa-temos-ganadoras/

IV Certame “As imaxes do patrimonio“

Nos próximos días, abrirase a convocatoria da IV edición a través da web e redes de PNO!
Convidamos ás escolas a participar na vindeira edición.

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here