Ponte... nas Ondas!

Éxito da estrea do RadioVisual do Patrimonio na súa primeira parada en San Cristovo de Cea

• O Multiúsos de San Cristovo de Cea acolleu este martes 28 de abril o primeiro dos eventos desta iniciativa, que contou co protagonismo nesta súa primeira parada do alumnado do CPI Virxe da Saleta e a actuación en directo de Magín Blanco.
• O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte… nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
• Muros, A Ribeira de Piquín, Mondariz Balneario, Castro de Rei e Quiroga serán as próximas paradas do RadioVisual.

“Hoxe emitimos dende Cea, terra de pan e de saber antigo, onde o lume, a fariña e as mans contan o que somos. Porque o patrimonio non é pasado: é voz presente”. Así comezaba no Multiúsos de Cea este martes 28 de abril o primeiro capítulo do RadioVisual do Patrimonio, un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.

San Cristovo de Cea foi a primeira das seis paradas que o evento fará en diversos concellos galegos durante esta primavera. Así, este martes, o Multiúsos deste municipio acolleu o proxecto, co protagonismo para a escola local, o CPI Virxe da Saleta. Co xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira como mestre de cerimonias, e co alumnado deste centro educativo aos micrófonos, transcorreu desde as 12:00 horas, unha xornada que puido seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e da web da asociación Ponte… nas Ondas! (www.pontenasondas.org), onde xa se pode ver tamén a gravación do evento.

“Cea, que bonito é!”

Diante dos micros, someteuse ás preguntas e á curiosidade das nenas e nenos da escola o propio rexedor local, José Luís Valladares, quen, entre outras cuestións, aproveitou para lembrar tamén o seu propio vínculo co patrimonio panadeiro da contorna, lembrando a súa infancia a pé do forno familiar. E pola mesa de entrevistas pasou tamén Rosa María, da panadería Calviño, quen debullou detalles e secretos do labor panadeiro e do ben famoso pan de Cea e convidou ás nenas e nenos a amasaren os seus propios pans diante das cámaras do radiovisual. Tamén Secundino, alumno da ESO, quen nos explicou a historia dun hórreo familiar de 10 metros de longo.

Puidemos escoitar tamén ao compositor e cantante ourensán Magín Blanco, auténtica referencia na música infantil en galego, quen foi o artista convidado e afrontou o desafío das preguntas do alumnado, despois de agasallarnos con varias pezas musicais, a primeira delas ao ritmo do retrouso “Cea, que bonito é!”

Máis información do proxecto na web do Radiovisual do Patrimonio.

GRAVACIÓN DO EVENTO

GALERÍA DE IMAXES

Radiovisual do Patrimonio 2026 - Cea

DEIXE UMA RESPOSTA

Por favor digite seu comentário!
Por favor, digite seu nome aqui

Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas