O CEIP Manuel Rodríquez Sinde de A Guarda acolle un dos obradoiros que Ponte…nas ondas! está a desevolver pola provincia de Pontevedra ao abeiro do Convenio coa Deputación de Pontevedra.
Por terceiro ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra colabora coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! na realización dos obradoiros «Falamos nas ondas» e na promoción do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.
A colaboración enmárcase nun convenio destinado a contribuír á preservación, difusión e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial (PCI), especialmente entre o alumnado. A través de actividades prácticas, os escolares achéganse ás expresións da tradición oral e musical e aprenden a documentalas e transmitilas mediante ferramentas de comunicación actuais.
Obradoiros «Falamos nas ondas» en sete centros
Os obradoiros combinan narración oral, música, canto, expresión oral, radio e podcast. Nunha sesión práctica, o alumnado participa na preparación e gravación dun podcast en directo, con contidos elaborados polos propios escolares e coa posibilidade de contar con público durante a gravación.
A actividade desenvólvese en dous grupos. Un deles prepara o guión e organiza o programa de radio e podcast, mentres practica as técnicas de gravación coa orientación de Damián Alonso. O outro achégase ás expresións do patrimonio cultural inmaterial e ás músicas tradicionais da man de Pancho Álvarez, preparando pezas que interpretará con instrumentos e voces. Finalmente, os dous grupos únense para gravar o podcast.
Calendario de obradoiros
2 de novembro — CEIP Santiago de Oliveira (Ponteareas)
4 de novembro — CEIP Barrantes (Tomiño)
16 de novembro — CPI de Mondariz (Mondariz)
23 de novembro — CEIP Manuel Rodríguez Sinde (A Guarda)
25 de novembro — CEIP Leirado (Salvaterra de Miño)
26 de novembro — CEIP Sequelo (Marín)
27 de novembro — IES Terra de Turonio (Gondomar)
Un modelo de referencia para a UNESCO
O modelo de Ponte…nas ondas! foi escollido pola UNESCO como exemplo para a nova plataforma internacional de boas prácticas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, destinada a dar visibilidade a iniciativas que contribúen á protección e transmisión deste patrimonio en todo o mundo.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! é unha entidade sen ánimo de lucro que promove actividades culturais e educativas e traballa pola preservación, difusión e transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Desde 2016 está acreditada pola UNESCO como organización consultora en materia de patrimonio cultural inmaterial.



