Ponte... nas Ondas!

Falamos nas Ondas! dinamiza o patrimonio con música e radio

Coa iniciativa de Ponte…nas ondas! e a colaboración da Deputación de Pontevedra dez centros educativos da provincia de Pontevedra acolleron sesións prácticas de traballo coa radio e co patrimonio inmaterial. Os obradoiros desenvolvéronse nos seguintes centros: IES Sanchez Cantón de Pontevedra, CEIP do Foxo e IES A.Losada Dieguez de A Estrada, IES de Ponte Caldelas, CEIP Carlos Casares de Salvaterra de Miño, IES Indalecio Prieto de Tui, IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, CEIP Petelos de Mos, IES de Valadares e IES Alexandre Bóveda de Vigo.
• Conchi Díaz (profesora do IES Sánchez Cantón): “Unha marabillosa actividade para transmitir ao alumnado a paixón polo patrimonio inmaterial e a creatividade da radio en directo”.
• Fernando Telle (profesor do IES Pedras Rubias): “Atractiva experiencia para o noso alumnado onde a música e radio camiñaron da man durante dúas horas e que se concretou na gravación dun podcast onde o alumnado puido sentir a tensión da radio executada en directo”.

O actor de voz e formador en comunicación Damián Alonso e o recoñecido músico de cordas Pancho Álvarez desenvolveron un ciclo de 10 obradoiros creativos en centros de educación primaria e secundaria da provincia de Pontevedra, dentro do programa “Falamos nas Ondas” que promove o coñecemento e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.

Cada obradoiro, dirixido a grupos de arredor de 30 alumnos e alumnas, combinou dúas experiencias complementarias: a música tradicional de corda e a comunicación radiofónica.

A música como canle de identidade

Baixo a guía de Pancho Álvarez, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de preto instrumentos de corda como o violín, a viola, a arpa, a zanfoña ou a guitarra, descubrindo a súa historia, os seus sons e a súa presenza na tradición galega.

Durante a sesión, preparáronse interpretacións de pezas representativas do patrimonio musical como as regueifas, poñendo en valor o repertorio popular e a participación colectiva.

A radio como espazo de creación

En paralelo, con Damián Alonso, o grupo mergullouse no mundo da radio e o podcast educativo: aprenderon a crear guións, interpretar textos e manexar unha mesa de son, coñecendo de primeira man o proceso de produción dun programa.

O resultado final foi a gravación en directo dun podcast duns 25 minutos, con música ao vivo e contidos elaborados polo propio alumnado, nos que abordaron temas como xogos populares, oficios tradicionais, viaxes, adiviñas, refráns, ditos, humor, saberes e festas. Unha experiencia participativa e lúdica que fomentou a expresión oral, o traballo en equipo e a creatividade.

Un exemplo do “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI)”

Estes obradoiros enmárcanse nas accións que promove a asociación Ponte…nas ondas! e que a UNESCO inscribiu no Rexistro das boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). O “modelo” consiste na integración no ámbito educativo do PCI, a radio escolar e as tecnoloxías da información e da comunicación (TICs).

A transmisión do PCI e as retransmisións radiofónica a través das novas ondas son unha mostra do potencial do modelo PNO! como ferramenta para valorizar o patrimonio cultural e dar voz ás novas xeracións.

DEIXE UMA RESPOSTA

Por favor digite seu comentário!
Por favor, digite seu nome aqui


Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas