Gala de presentación de Meniños Cantores 2 no Baixo Miño


A presentación terá lugar no Auditorio de Goián ás 19.00 horas e contará coa presenza da presidenta do Consello da Cultura Galega, autoridades locais e artistas.

O Auditorio de Goián (Tomiño) acollerá este venres 18 de febreiro ás 19.00 horas, a Gala de presentación do proxecto Meniños Cantores 2 no Baixo Miño.

Ponte…nas ondas!, o IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño e o CPI Suárez Marquier, de O Rosal, en colaboración cos concellos de Tomiño e O Rosal organizan o acto, ao que asistirá a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, institución que apoiou a publicación do libro USB de Meniños Cantores 2.

O alumnado participante en Meniños Cantores 2 de ambos centros serán os encargados de conducir a gala-presentación que contará coas actuacións de Andrea Pousa e de Lucía Pérez, ambas madriñas do proxecto. Ademais proxectaranse imaxes da gravación do primeiro Meniños Cantores.

No acto intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o presidente de Ponte…nas ondas!, Santiago Veloso, xunto coas alcaldesas Ánxela Fernández (O Rosal) e Sandra González. Os profesores Luis Lechuga do IES Antón Alonso Ríos e Xosé Manuel Méndez explicarán o traballo desenvolvido polo alumnado no proxecto.

No caso do IES Antón Alonso Ríos dáse unha feliz coincidencia. Na edición de 2005, a encargada de interpretar o tema musical “Bailando contigo”, composto polo músico e vicedirector do centro, Luis Lechuga, era a alumna Andrea Pousa. Nesta ocasión Andrea é unha das madriñas do proxecto para acompañar a interpretación do alumnado no tema “O tren”, de Andrés do Barro nunha versión adaptada.

No caso do CPI Suárez Marquier dáse outra feliz coincidencia; no tema musical escollido, “Canto de Roda” (2005), participaba nas voces unha alumna de 6º de primaria, Ánxela Fernández Callís. Dezasete anos despois, Ánxela asistirá á gala de presentación de Meniños Cantores 2 en calidade de alcaldesa do Concello de O Rosal. Nos arranxos musicais participou tamén Xosé Manuel Méndez, profesor do centro educativo rosaleiro xunto ao músico Gustavo Domínguez.

Recolla do patrimonio

No disco-libro de Meniños Cantores de 2005 incluíase un CD e un DVD que contiñan 19 temas musicais, 18 videoclips, 32 karaokes e 2 documentais: un Make in off e unha recolla de testemuños do patrimonio cultural inmaterial. No documental recollíase o proceso de formación das treboadas do Baixo Miño e tamén dos telleiros de O Rosal coa súa xerga (o verbo), un código lingüístico propio.

Na serie documental que acompaña o novo proxecto, no capítulo 4 participan persoas portadoras do patrimonio inmaterial. No caso de Tomiño, persoas portadoras da tradición das treboadas, o Sr. Camilo Riveiro xunto co artesán Félix Oliveira. No caso de O Rosal, o portador escollido é o Sr.Nemesio Castro quen mostrou o seu saber asociado aos muíños de Folón e do Picón.

Os centros organizadores do acto deste venres xa participaron na primeira edición de 2005 de Meniños Cantores que naquel momento incluía a 17 centros educativos situados entre Vigo e Porto.

As boas prácticas na UNESCO

O proxecto Meniños Cantores 2 forma parte das boas prácticas de Ponte nas ondas! Presentadas por Portugal e España na UNESCO e que poden ser inscritas como “modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial”. Para Portugal e para Galicia será a primeira inscrición no rexistro da UNESCO e Ponte…nas ondas! será un modelo referencia internacional de boas prácticas co patrimonio.

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here