IV Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”: As gañadoras!

Acta do xurado e galería de imaxes galardoadas.

*En breve vaise convocar a V edición do certame. Estade pendentes das redes de PNO!

(Premendo aquí podedes ver tamén ao completo a galería de imaxes recibidas: Participantes no IV Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”)

FALLO DO XURADO

Reunidos Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto, constitúense como Xurado do 4º Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” e

ACORDAN

1º.-Agradecer aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación neste 4º Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! co que se pretende, como obxectivo preferente, descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural, para o que propuxemos que á iniciativa dos centros escolares os alumnos e alumnas buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que conteñan elementos dese patrimonio que queremos dar a coñecer. Nas bases e como complemento desta busca solicitabamos que se completara a participación no certame coa inclusión dun texto explicativo da imaxe.

2º.-O Xurado valorou a gran calidade da maioría dos traballos presentados a concurso e o esforzo mostrado na elaboración do texto que acompaña a cada unha das fotografías polo que propón á entidade que convoca o certame que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

3º.-Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame.

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Rafaela Gomes Teles
Escola Básica e Secundária de Sobreira. Portugal

Esta foto mostra um grupo de alunos na Escola Primária de Casconha, em 1963. A minha avó materna é a menina que está a dançar na frente, descalça e com tranças.
Os alunos estão no recreio da escola. Naquela altura, era normal passar o tempo desta forma: as meninas faziam uma roda e dançavam. Atualmente, só se veem dançar assim os grupos de ranchos folclóricos. Nesta escola, havia um muro que separava o recreio – os rapazes ficavam de um lado e as raparigas do outro. Por isso, conforme se vê na foto, os meninos estão a assistir, porque eles não podiam passar do muro. A minha avó tinha nove anos.
Hoje, à semelhança de outras escolas primárias, que foram substituídas pelos centros escolares, esta escola está fechada. Porém, eu costumo ir ate lá de bicicleta, porque gosto de ver a antiga escola primária dos meus pais e da minha avó.
Rafaela elaborou tamén este video-podcast: https://drive.google.com/file/d/1D44JyZe9d_KTZ1s062Ldc4I-iXKTSaNg/view?usp=drive_web

2º Premio: Elián González Martínez
CEIP O Castiñeiro – Laza (Ourense)

Nesta fotografía aparece meu tataravó Luís Sabariz Pérez en Melilla no ano 1911, un ano despois da guerra de Melilla. Foi chamado a facer a mili xusto durante a guerra de Melilla; estando alí case todos os seus compañeiros morreron no tristemente célebre Barranco do Lobo, no cal faleceron mais de 1000 soldados no 27 de xullo de 1909 por un ataque dos rifeños. El, en cambio, tivo que quedarse no cuartel por unha indisposición que lle salvou a vida. Esta fotografía foi tomada por un fotografo a petición del, para ter un recordo desa guerra. Uns anos despois voltou para a súa casa en Castrelo Do Val, onde morreu aos 93 anos na mesma casa en que eu din os meus primeiros pasos.

3º Premio: Inês Fernandes
Agrupamento de Escolas vale do Tamel (Barcelos)

Esta foto retrata o barco cheio de soldados portugueses, muitos deles minhotos quando na década de 60 partiram para a guerra colonial. Esta guerra começou em 1961 e só terminou em 1974. O resultado desta guerra teve muitas consequências para a maior parte dos soldados portugueses, uns inclusivamente morreram em combate. Nesta foto, registada em finais de 1960 está o meu bisavô no meio de tantos outros homens que deixaram a sua pátria sem terem a certeza de voltarem…

Accésit: Sofía Álvarez Sánchez
CEIP Marquesa do Pazo da Mercé (As Neves)

Foto-recordatorio “Peregrinación nevense a Santiago”.
Aparecen: os veciños participantes, estandarte, ano da peregrinación e Caixa da ofrenda.
No 1948, o concello de As Neves, organizou unha peregrinación a Santiago de Compostela á que asistiron arredor de 1000 veciños das 13 parroquias.
A peregrinación fíxose nun tren especial para a ocasión.
En Santiago, saíron da alameda cara á catedral portando, os nobres da vila José Méndez, José Cancelo e Manuel Monteagudo, un estandarte de seda co escudo do concello.
A ofrenda fíxoa o alcalde: Salvador Fernández Alonso, que recibiu a medalla de confrade honorario.
A ofrenda, 1000 pesetas, ía nunha caixa de buxo (obra do artista local Fernando Soto Campos) labrada co escudo do concello, a data da peregrinación e a Cruz de Santiago e, no interior da tapa, pintada a catedral.
Remataron os actos recibindo as medallas de irmáns maiores Mariano Araujo Durán (crego de Ribarteme) e Francisco Sáa Aldir (crego de Tortoreos).

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio: Daniel Campos Pauzat
IES Plurilingüe de Ames

O meu bisavó naceu en Noia, era mariñeiro e antes do 36 estaba vivindo en Cádiz. Despois de unirse ao bando republicano e perder a guerra tivo que exiliarse.
Esta fotografía tiña un valor especial para o meu bisavó porque foi tomada nada máis chegar a Francia despois da viaxe a pé polo Pirineo para fuxir do Franquismo e das represalias aos republicanos en España.
Aínda que o recibimento por parte das autoridades francesas non fora o esperado, para os que chegaban era o comezo da liberdade despois de moitos anos de persecución.
A fotografía foi tomada por un amigo co que viaxou dende España e que firmou unha dedicatoria por detrás: ” A mi buen amigo Antonio con todo el afecto- Barcarés-1940″.
O meu bisavó contaba a miúdo que os dous fixeran unha foto similar e que para facelas compartiran o mesmo abrigo posto que a pesares de ser inverno só tiñan un.
Despois desta foto foi detido polas autoridades francesas e pasou varios meses no campo de refuxiados de Argelés sur mer, a continuación foron levados polos alemáns a Burdeos para traballar na construción dunha base naval.
Ao terminar a guerra embarcouse de novo para acompañar aos xudeus superviventes a Palestina e a volta decidiu quedarse definitivamente en Burdeos onde coñeceu a miña bisavoa.
35 anos máis tarde volveu a Noia por primeira vez e aínda tiña o medo no corpo.

2º Premio: Aldo Tartaglione Costa
IES Antón Alonso Ríos (Tomiño)

Ano 1959. Nesta foto poden ver o meu avó Antonio (o da bicicleta) nunha festa de Tabagón (parroquia do Rosal), realizando un xogo típico chamado ¨O Burro¨ xa que, antigamente, este xogo non se realizaba cunha bicicleta, era montado nun burro. A día de hoxe nesa festa aínda se realiza este xogo. O xogo consistía en, cun pau e montado nunha bicicleta, intentábase coller os máximos aneis posibles, os cales ían cunhas cintas para poder enganchalos, os aneis son os que colgan nesa barra de ferro que se pode ver na fotografía. Neste xogo tamén había unha variedade que consistía en agarrar o pau ca boca en vez do brazo e así darlle máis dificultade ao xogo. Miña avoa contoume que ese día meu avó intentouno tantas veces que acabou gañando e que ese día foi un dos que ela se deu conta de que estaba namorada del xa que daquela eran mozos e pasaron o día enteiro xuntos por primeira vez.

3º Premio: Aroa Arias
IES San Rosendo de Mondoñedo

A foto foi tomada en Mondoñedo polo ano 1948.
Era un dos primeiros autobuses que houbo nesta cidade. Nela aparece o meu bisavó agarrado ao ferro por detrás do soldado na praza do concello de Mondoñedo.
Meu bisavó fora invitado para ver a chegada dese primeiro autobús pois era amigo do condutor.
Na imaxe vese a expectación que causou a súa chegada porque amoreouse moita xente, e mesmo detrás das ventás.
Vemos que o cambio no tempo foi considerable, non había límite de pasaxeiros e a localización tamén era distinta e variada.

Accésits:

Icía Fernández Ferreiro
IESP de Ames

Xantando en Santa Minia
Esta foto foi tomada na década de 1950 nas festas de Santa Minia, en Brión (A Coruña), un 27 de setembro.
Pódese ver un grupo de mozos e mozas do lugar de Logrosa e Negreira, despois de xantar. Comían nunhas leiras en fronte a carballeira de Santa Minia, pois nela había terra.
Era das últimas festas do verán, xuntábanse os mozos e mozas de Logrosa a primeira hora da mañá e saían andando cara Brión (7km) para chegar a tempo á misa e procesión (que era pola mañá). Na misa, a banda tocábase o himno español ao alzar (no momento da consagración). A xente ofrecía figuras de cera representando partes do corpo para curarse.
A roupa coa que saían da casa era a que usaban durante todo o día, agás os zapatos: levaban unas zapatillas para camiñar e poñían os zapatos ó chegar. As zapatillas había quen cargaba con elas nunha bolsa e quen as escondía no camiño. Non levaban roupa “de festa”, mais tampouco era a de diario.
Para ambientar a festa había unha banda de música grande. Para comer levábase tortilla e filetes empanados, e para beber viño. Se precisaban auga había unha fonte na carballeira.
Emprendían o camiño de volta con tempo para chegar antes do anoitecer.
Actualmente, séguese celebrando a romaría, á cal acoden moitos devotos procedentes de toda Galicia para pedir a intercesión da Santa e ofrecerlle figuras de cera.

CERTAME DE PODCAST

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

Uxía Guimeráns López
CEIP Plurilingüe da Torre Cela (Bueu)

1955. Presentación do maio en Marín. • Os maios son unha festa tradicional que celebra a chegada de primavera, na que se fan coplas con moito humor, arredor de esculturas con formas variadas, feitas con elementos naturais. • Na fotografía hai moita xente de Marín. • A foto foi tomada fronte á Escola Naval de Marín.
Podcast:
https://www.ivoox.com/uxia-guimerans-lopez-imaxes-do-patrimonio-audios-mp3_rf_72281430_1.html

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

Nayara Campo Rego
IES San Rosendo de Mondoñedo

Esta foto foi tomada 13 de xuño do 1969 na antiga parroquia de Lindín, Mondoñedo, cando se estaba a celebrar a festa do San Antonio, propia do lugar. Nela aparecen a miña avoa, bisavoa e algúns veciños xunto co seu gando, xa que nesta celebración a xente ía bendicilo para ter boa sorte durante todo o ano cos partos, produción… Antigamente, nas aldeas era imprescindible o traballo de campo para sobrevivir, dependían del para todo, por exemplo, o falecemento dunha vaca podía variar a vida dunha familia . Agora é bastante desprezado pero segue a ser un medio de sustento para moitas familias e un servizo primario vital na sociedade. Os gandeiros teñen problemas para manter o seu labor e sobre todo non teñen moitas axudas para continuar, pero eles non se dan por vencido. Por todo iso é polo que nós debemos que loitar con eles e impedir a súa desaparición, porque se non, si que íamos ter problemas dos que agora mesmo non nos decatamos.
Podcast:
https://www.ivoox.com/podcast-foto-n-187-certame-2021-imaxes-do-audios-mp3_rf_72861551_1.html

Accésit
Alejandra Sambade Souto
Escola: IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas)

Cidade de Berna, lugar de traballo da miña avoa emigrada. Esta imaxen foi sacada por unha das compañeiras de miña avoa Isabel, a cal aparece xunto ao resto de traballadoras elaborando as máquinas de transfusión do sangue na Cruz Vermella. A miña imaxe reflicte a necesidade económica da época que levaba a que ambas cabezas de familia se viran obrigadas a encontrar un emprego para soster as súas familias.

Podcast:
https://www.ivoox.com/podcast-fotografia-suiza-alejandra-audios-mp3_rf_71002136_1.html

Premio Especial do Xurado

O xurado acorda por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder unha mención ao CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea) que, no marco do traballo do Prácticum II do Grao de Mestra de Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela coa mestra Ana Pedrouzo, o alumnado de 6º desenvolveu un proxecto no eido da Educación Patrimonial e traballou a partir da idea “Patrimonios en conflito” que tivo como consecuencia a creación de vínculos patrimoniais con elementos da contorna e a súa intervención social. Este traballo cristalizou na realización dun vídeo, podcast e unha páxina web onde se desenvolve e explica todo o traballo.

Inclúe o vídeo Oseira 1909: www.youtube.com/watch?v=A1D8d4fQ7mI
Inclúe o podcast Oseira 1909: www.ivoox.com/oseira-1909-audios-mp3_rf_68974319_1.html
Web: https://sites.google.com/view/enfornandocopatrimonio/

Compartir

5 Comentarios

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here