Ponte... nas Ondas!

O IES Terra de Turonio e Ponte… nas Ondas! súmanse ás condolencias pola morte do escritor X.L.Méndez Ferrín

Con motivo do pasamento do escritor X.L.Méndez Ferrín, o IES Terra de Turonio e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! lamentan a perda dunha persoa que contribuíu de maneira decidida ao recoñecemento do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.

No caso do Instituto, Ferrín foi un grande defensor do nome do centro e chegou a escribir diferentes artigos sobre a orixe do topónimo chegando a propor que a área metropolitana de Vigo se denominase a Terra de Turonio.

Tamén mantivo un vencello co centro educativo a través do traballo cos curros de Gondomar que o instituto integrou como parte do patrimonio vivo das familias do alumnado do centro. Froito dese proceso realizouse o proxecto Ceibes no monte co que Ferrín colaborou activamente participando na exposición celebrada no Museo do Pobo Galego e no libro «Ceibes no monte. Patrimonio vivo na terra de Turonio» (que reunía conto e textos xunto cun documental sobre os curros e os garranos no Val Miñor).

Ferrín visitou o centro co seu amigo Anxo Angueira ou con Xaquín Troncoso, da Federación Hípica Galega para guiar e asesorar os traballos educativos cos cabalos, realizándose varias saídas polos curros do Galiñeiro, de Morgadáns ou de San Cibrán.

Con Ponte…nas ondas! Ferrín asesorou os traballos da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO presentada en 2004. Ferrín sumouse ao seu apoio a louvou publicamente que a iniciativa saíse dos centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Participou nalgunha das edicións da xornada radiofónica sendo entrevistado polo alumnado en diversas ocasións. Interviu en entrevistas na radio escolar falando dos cabalos, a lingua, o patrimonio galego-portugués e o propio topónimo Terra de Turonio.

Dirección IES Terra de Turonio
Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!

Fragmento de ‘Ceibes no Monte’

Perdérase, case…
Un texto de Xosé Luís Méndez Ferrín
para o proxecto Ceibes no Monte do
IES Terra de Turonio

Perdérase case, ou esquencérase, o nome da Terra de Turonio. Hoxe, felizmente,
el encóntrase en transo de ser rehabilitado. Turonio, o vello territorio dos Turones, é a
porción da Galicia actual que limita: ao Sul, co río Miño; ao Oeste, coa Nova Inglaterra
(Océano por medio); ao Norte, coa Ría de Vigo. Polo Leste, de modo incerto, Turonio
sepárase do resto de Galicia polas Terras de Montes. O Turonio onomástico só perdura
nas aldeas de Torroña e Troña, que parecen simpáticos fósiles dotados de misterio
etimolóxico. Estamos a asistir á resurrección do nome e da noción de Turonio e a
presente mostra, Ceibes no Monte, cobra solemnidade e resulta tocada pola emoción se
a ollamos coma un acto restaurador da memoria secularmente abafada.

A Terra de Turonio, de forma trapezoidal no mapa, pode ser entendida coma
unha síntese de Galicia a escala reducida. Aquí encóntranse os vales (fermosura
irresistíbel) do Tea, do Miñor e outros nos que se perpetúa a imaxe máis idílica e donda
de Galicia; incluída a beira dereita do Miño no nos derradeiros quilómetros de vida
longa que iniciara no Pedregal de Irimia.. Aquí, tamén, as cidades e vilas históricas de
Tui e Baiona, e a Guarda ao pé dos vestixios prehistóricos do Trega. E aínda aquí, as
poderosas serras e os montes soberbos con penedos gravados con mil liñas e deseños
enigmáticos. Por fin, aquí é Vigo e a actividade marítima, comercial e industrial que
fixo da cidade e do seu “hinterland”, que é Turonio, o eixo sobre o que xiran as
potencias anovadoras da Galicia contemporánea. Desde logo, nos montes de Turonio
seguen a estar as bestas bravas ceibes sobre as escribiron Plinio e outros antigos.

As mulleres e os homes do Turonio actual crían gado, labran terra, escriben e
editan libros, pescan e navegan, practican as artes, fabrican e manufacturan, levantan
ideas, soñan, falan, viven e forman parte dunha paisaxe na que toda Galicia se atopa
representada. Para cumio de felicidade, Turonio extrema con Portugal e con Portugal
vive en harmonía, Río Miño mediante.

A presente mostra, Ceibes no Monte, céntrase principalmente nunha actividade
ancestral, cal é a da cría de bestas soltas que anualmente son baixadas aos curros turonio
de Mougás, A Valga e Torroña (Serra da Groba); de San Cibrán ou a Pardavedra ou
Pinzás (Chan do Cereixo); de Morgadáns e O Galiñeiro (Val Miñor). O grupo de
traballo multidisciplinar do IES “Terra de Turonio” de Gondomar é o autor colectivo
desta brillante lección visual e nocional do universo dos cabalos do monte.

A Galicia que tén sede de coñecemento de si mesma verase sorprendida polas
imaxes e descripcións dunha cultura viva en numerosos lugares, pro tamén vastamente
ignorada por amplas camadas da nosa sociedade. Ceibes no monte constitúe un exemplo
excelso de como pode ser entendido un ensino activo con raíz na propia realidade local
e nacional. A práctica pedagóxica dun Instituto pode extenderse e actuar como centro
iluminador da conciencia pública. Isto estase a conseguir con esta exposición.

Vigo (Terra de Turonio), 2009
X. L. Méndez Ferrín

DEIXE UMA RESPOSTA

Por favor digite seu comentário!
Por favor, digite seu nome aqui

Certame Imaxes do Patrimonio 2017
Exposición - Un modelo para o mundo
Falamos nas Ondas
Baner Modelo PNO!
Xornada Multimedia 2026
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas