• Desde a Área Recreativa de Chao de Pousadoiro, n’A Ribeira de Piquín, emitiuse este mércores 6 de maio o terceiro dos eventos da iniciativa, que contou co protagonismo nesta parada do alumnado e docentes do CEIP Poeta Avelino Díaz de Meira e do IES Pedregal de Irimia de Meira.
• A familia Seivane foi tamén protagonista da xornada, coa actuación en directo da gaiteira Susana Seivane canda a varios familiares e a presenza tamén nos micrófonos de seu pai, o músico e artesán Álvaro Seivane.
• O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte… nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
• Logo das visitas a Cea e Muros e a xornada deste mércores na Ribeira de Piquín, as próximas paradas do RadioVisual serán Mondariz Balneario, Castro de Rei e Quiroga.
“Galicia segue a transmitirse de xeración en xeración, tecendo unha historia compartida feita de voces, mans e memoria. E hoxe, esa cadea viva tráenos ata A Ribeira de Piquín, onde o patrimonio faise encontro entre xeracións”. Así comezaba, na voz do xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira a emisión deste mércores do Radiovisual de PNO! desde A Ribeira de Piquín.
O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.
A Ribeira de Piquín foi a terceira das seis paradas que o evento fai en diversos concellos galegos durante esta primavera. Así, este mércores 6 de maio, a Área Recreativa de Chao de Pousadoiro deste municipio acolleu o proxecto, co protagonismo para os centros educativos onde están escolarizada a mocidade local, no veciño concello de Meira, o CEIP Poeta Avelino Díaz e o IES Pedregal de Irimia. Co xornalista Xosé Manuel Diego como mestre de cerimonias, e co alumnado destes centros educativos aos micrófonos, transcorreu, desde as 12:00 horas, unha xornada que puido seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e da web da asociación Ponte… nas Ondas! (www.pontenasondas.org). As gravacións da emisión poden xa consultarse en ambas as dúas webs.
Ao desafío das preguntas do alumnado someteuse tamén o propio rexedor local, Roberto Fernández Rico. Na procura dos saberes herdados escoitamos tamén a Álex e seu avó Félix, gandeiro xubilado que viviu no concello toda a vida e da man do álbum familiar de Iria afondamos tamén nos recordos compartidos da comarca. Do mesmo xeito, e alén doutros contidos preparados pola rapazada, foi protagonista a familia Seivane, no lugar onde, vai camiño dun século, comezou a historia do famoso obradoiro de gaita tradicional hoxe activo en terras coruñesas. Contamos coa actuación en directo da célebre e internacionalmente recoñecida gaiteira e multi-instrumentista Susana Seivane, referente da innovación na tradición musical galega. E aos micrófonos achegouse tamén a paixón e o saber de seu pai, o mestre artesán Álvaro Seivane. O evento rematou coa emocionante interpretación dunha peza que ten precisamente a súa orixe na terra que hoxe nos acolleu, unha composición que, tal e como lembrou Susana Seivane, seu avó Xosé Manuel lle adicou aos seus veciños, a Muiñeira do Chao.
GRAVACIÓN DO EVENTO
GALERÍA DE IMAXES DO EVENTO



