Obradoiro de Ponte…nas ondas! no IES de Catabois (Ferrol)

Este mércores 20, ás 11.00 hs.Ponte…nas ondas! realizará o obradoiro-concerto O PATRIMONIO NAS ONDAS! no IES de Catabois de Ferrol, para o alumnado do centro coa participación de Pancho Álvarez, músico e investigador musical.

O IES de Catabois é un dos 20 centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial” seleccionados pola Consellería de Educación en toda Galicia. O obradoiro O PATRIMONIO NAS ONDAS pretende transmitir aos asistentes as expresións musicais do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, especialmente ás novas xeracións, dunha forma dinámica e lúdica na que os participantes se sintan intérpretes e protagonistas a través dunha sesión con música realizada en directo.

É unha actividade na que se presenta un conxunto de instrumentos musicais tradicionais para que os asistentes teñan un achegamento ao patrimonio musical galegoportugués ao longo da historia. Pancho Álvarez vai interprentando as músicas nun formato “radiovisual” na que o alumnado conduce unha entrevista e ao mesmo tempo participa na interpretación dos temas musicais. A partir da presentacion inicial, os condutores do programa irán preguntándolle a Pancho Álvarez polo proxecto “O patrimonio nas ondas” baseado no seu ultimo traballo “Cordas historicas”. Pancho Álvarez comezará presentado os diversos instrumentos relativos a diferentes per!odos históricos.

O contido musical abrangue un amplo conxunto de melodías, cantigas medievais, muiñeiras, xotas, alboradas, viras, cana verde, mallãos. Os instrumentos de corda, desde unha lira da idade de bronce, atopada nun petróglifo no norte de Portugal, ata a guitarra eléctrica, pasando polo organistrum, zanfona, arpas medievais, rota, salterios, fídulas, cítolas (moitos deles presentes en distintos pórticos galegos), vihuela renacentista, viola de gamba, guitarras barroca e romántica, etc. Serán descubertos e escoitaranse baixo a referencia da música tradicional galega e portuguesa.

Os obradoiros O PATRIMONIO NAS ONDAS contan co patrocinio da Deputación de A Coruña e son coordinados por Ponte…nas ondas! Enmárcanse no modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial que a UNESCO rexistrou en 2022 a proposta de Portugal e España.

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here