Ponte... nas Ondas!

“Os Tesouros Humanos Vivos”, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego – portuguesa


A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto Smart Minho, presentou con motivo da véspera do Día Mundial do Patrimonio Cultural a iniciativa “Os Tesouros Humanos Vivos”, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego – portuguesa no territorio do val do río Miño. Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que dende tempos inmemoriables se transmitían de xeración en xeración, vense agora ameazados pola falta de revelo xeracional e os drásticos cambios na forma da vida da xente nos últimos 50 anos. O acto contou coa presencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; do deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez; da deputada de Patrimonio, María Ortega, e do coordinador da Asociación Ponte…nas Ondas!, Xerardo Feijoo, organización consultora da UNESCO, con quen se está a desenvolver este traballo.

Xerardo Feijoo recordou que os Tesouros Humanos Vivos é unha figura que a Unesco comezou a propoñer que se promovera desde a súa convención do ano 1993, explicando que son persoas que posúen na súa memoria cantidades inxentes de información sobre un feito patrimonial. “O patrimonio inmaterial non reside en ningún lugar máis que na cabeza das persoas, e ás veces, cando unha persoa morría, levaba consigo canta información patrimonial posuía”. De aí que se propuxese que as administracións e tamén as asociacións de base, como é o caso de Ponte…nas Ondas! detectaran, promocionaran e transmitiran ás novas xeracións o concepto dos tesouros humanos vivos.

Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, esta é unha das accións “máis bonitas e simbólicas” enmarcadas dentro do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O obxectivo é documentar estes coñecementos intanxibles, “que son a base da nosa cultura e da nosa identidade”, pólos en valor e transmitilos ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Para iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte… nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os 99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de todo o mundo na páxina www.smartminho.eu co obxectivo de garantir a súa divulgación e transmisión.

Nesta mesma liña, Benítez anunciou que en 2020 realizaranse actividades lúdicas e educativas relacionadas cos tesouros humanos vivos en escolas, editaremos un libro infantil, organizarase unha exposición itinerante e haberá un acto homenaxe a todos os “tesouros humanos vivos” que forman parte do proxecto”.

Pola súa banda, a deputada de Patrimonio, María Ortega, dixo sentirse orgullosa de que a Deputación de Pontevedra leve a cabo un proxecto coma este que debería ser extensible a todas as administracións. Ortega aproveitou a ocasión para reivindicar “a lingua como o elemento máis importante do noso patrimonio inmaterial, a lingua fainos ser quen hoxe somos, unha lingua, que na raia nos une co pobo irmán portugués, e que nos sirve para transmitir o nosa cultura, sentir e emocións”.

Por último, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou na súa intervención que proxectos como “Tesouros Humanos Vivos” son “fundamentais para que poidamos transmitir e seguir vivo todo ese coñecemento ancestral e que amais nos fai ter máis recursos para facer fronte aos novos retos”. “Ese patrimonio inmaterial fainos únicos, diferentes e diversos nun mundo global e ademais amosa a humanidade, o máis fermoso do ser humano; non podemos permitir que se perda”, manifestou.

Silva fixo fincapé en que o patrimonio inmaterial “está maiormente nas mans das mulleres, porque vivimos máis anos”. “E poñerlles a elas voz con ese coñecemento inmaterial –engadiu- tamén visibiliza a esas mulleres galegas extraordinarias, cuxos rostros tamén son tesouros humanos vivos, e fala de todo o que teñen aportado. Por iso paréceme relevante e quero poñer en valor que son elas as que poden transmitir ese patrimonio inmaterial”.

A presidenta recalcou que o Proxecto Smart Minho “fala de dous países, pero un pobo” e está a aportar ideas e accións “que van facer que todo este territorio, e máis alá, teña posibilidades de construír futuro poñendo as raíces no extraordinario pasado que temos; non podemos esquecer que fai 2000 anos este territorio era o centro do mundo, aquí acontecía todo”. Tras agradecer a labor do colectivo Ponte nas Ondas, concluíu que “nese patrimonio inmaterial nós somos unha grande referencia no mundo; temos moita cultura e moito orgullo que defender”.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! desenvolve dende hai 25 anos a súa actividade de recuperación da cultural inmaterial a través do recoñecemento de ‘tesouros humanos vivos’ en todo o territorio transfronteirizo, realizando este labor de xeito ininterrompido dende a súa fundación. O seu traballo de recuperación do patrimonio inmaterial a través desta metodoloxía establecida pola UNESCO foi premiada en varias ocasión por entidades nacionais e internacionais.

Smart Minho é un proxecto da Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais e a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Miño (AECT Río Miño), cofinanciado ao 75% por fondos FEDER.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas